Ceos Galegos > Ceo fondo > Un borrancho no ceo

Un borrancho no ceo

Créditos imaxe: Ángel R- Arós

Así parecería a imaxe da foto na antiga Grecia, aínda que Ptolomeo non o rexistrara. Así se vería polos astrónomos árabes, como foi catalogado por Azophi (ou Abd Al-Rahman Al Sufi) no seu “Libro das estrelas fixas” do ano 964, chamándolle “mancha nebulosa”. Así debera ser visto en tempos de Alfonso X o Sabio, aínda que non fale dela nos seus libros. Así se apareceu aos primeiros observadores modernos do ceo: Copérnico, Kepler, Galileo… E así o rexistrou o astrónomo francés Charles Messier no seu catálogo de nebulosas, co nome de M31, unha escolma de obxectos que non eran cometas. E así o vemos hoxe en día, se o ceo é escuro e libre de contaminación luminosa, a simple vista ou cuns prismáticos: un borrancho no ceo.

Aínda no ano 1920 se discutía se a nebulosa de Andrómeda estaba dentro da nosa galaxia ou non, discusión que se resolveu 5 anos despois grazas ás observacións de Edwin Hubble.

Así campa hoxe a galaxia desde Guitiriz (Lugo), en imaxe tomada grazas a unha cámara réflex moderna acoplada a un telescopio. Percibimos o núcleo máis brillante, certa estrutura de brazos espirais e dúas nebulosas arriba e abaixo que son outras dúas galaxias máis pequenas, satélites de Andrómeda, que a escoltan na súa viaxe polo cosmos. Foron precisas 20 imaxes de 30 segundos de duración cada unha, realizadas cunha cámara réflex Sony ILCE A7S acoplada a foco primario nun telescopio Newton F5.

Porque todo se move, tamén o noso coñecemento sobre o universo vai mudando co tempo.

Esta imaxe forma parte das páxinas do noso Calendario Ceos Galegos 2018.

Poderías gostar de...

2 Respostas

  1. 18 Xaneiro, 2018

    […] a simple vista nun ceo escuro desde o noso país pertence á galaxia da Vía Láctea, agás un borrancho do ceo. Esa nube abrancuzada que atravesa o ceo, máis espectacular no inverno se cabe, e o plano […]

  2. 26 Abril, 2018

    […] piques de perderse entre as pólas dos eucaliptos do concello de Mazaricos (A Coruña) atopamos á galaxia de Andrómeda. Esta parte do ceo vai estando algo máis alta ao avanzar a primavera e o verán, sendo máis […]

Deixar unha resposta

A %d blogueros les gusta esto: