O ceo desde a montaña

Créditos: Óscar Blanco

Non fai falla subir a unha montaña para ver un ceo fermoso. Pero desde os lugares altos as cousas melloran e os ceos acostuman a estar máis limpos; libres de nubes, brétemas e, sobre todo, sen contaminación luminosa. Por esa e por outras razóns os grandes observatorios astronómicos constrúense en terreos a milleiros de quilómetros de altura.

A imaxe de hoxe está feita nun lugar concorrido por astrónomos amadores, as Tablillas das Lagoas no concello da Veiga (Ourense), ao abeiro de Pena Trevinca. Unha fermosa Vía Láctea divide o ceo nunha típica estampa de primavera, na que se pode distinguir á constelación de Saxitario xusto no horizonte, no cruce da nosa galaxia coa nosa terra.

Este lugar ten ademais a certificación de destino turístico Starlight, creada pola fundación do mesmo nome para fomentar a protección do dereito da humanidade á contemplación do ceo nocturno. A pesar diso, ao ser unha imaxe fotográfica de trinta segundos de exposición, aparece tamén no horizonte a contaminación luminosa das aldeas e vilas achegadas. Na realidade sería tamén perceptible, aínda que non tanto como nesta imaxe. As estrelas aparecen como puntos sen os seus ronseis porque a cámara fotográfica estaba acoplada a unha montura con movemento, que anulaba a rotación terrestre.

Por certo, o sábado 13 de xaneiro hai en Lalín un Congreso de Montaña e Fotografía. Iniciativa moi interesante e fermosa de asistencia de balde.

Esta imaxe forma parte do noso fermoso calendario que aínda podes adquirir.

Poderías gostar de...

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Un billón de estrelas

En realidade, nesta imaxe hai moitas máis. Ese é o número de estrelas estimado para a galaxia de Andrómeda, que enche a foto. A veciña

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024