Ceos Galegos > Ceo fondo > Un comecocos no ceo galego

Un comecocos no ceo galego

Créditos da imaxe: Pablo J. Martínez Alemparte

Ao longo da historia os astrónomos crearon diferentes catálogos das cousas que observaban no ceo. Hai catálogos estelares, de nebulosas, de galaxias en colisión, de obxectos de diversa clasificación… Nestes catálogos os obxectos reciben unha denominación consistente nun número, que segue habitualmente ao nome do catálogo. Así, a imaxe de hoxe pertence ao Novo Catálogo Xeral (ou New General Catalogue) compilado polo danés Johan Dreyer en 1888, recibindo o número 281.

Coa popularización da astronomía desde finais do século pasado a realización de fermosas fotografía do cosmos deixou ser un privilexio dos observatorios profesionais. Algúns obxectos se foron facendo famosos entre os astrónomos amadores, que comezaron a engadir alcumes a moitas nebulosas. Neste caso, NGC 281 pasou a ser a nebulosa Comecocos; quen non atopa aí ao Pac-Man das máquinas de xogos dos anos 80?

En realidade estamos diante dunha rexión HII de formación estelar, formada por hidróxeno ionizado que, en varios lugares, estase a comprimir. Se ollas ao interior da nebulosa podes albiscar unhas burbullas escuras: denomínanse glóbulos de Bock, lugares nos que o hidróxeno se comprime e pasados milleiros de anos, de aturar a radiación do contorno, chegarán a formar estrelas novas.

A fotografía foi tirada do mesmo lugar que a de onte, cunha cámara fotográfica acoplada a un telescopio refractor, xuntando 12 tomas de 300 segundos mediante programa informático. Está a algo máis de 9.000 anos luz de distancia, mirando cara a constelación de Casiopea. O resto das estrelas están a diferentes distancias, tanto máis preto como máis afastadas cá nebulosa.

Poderías gostar de...

Deixar unha resposta

A %d blogueros les gusta esto: