Ceos Galegos > Paisaxe Nocturna > Un espectáculo de balde no ceo

Un espectáculo de balde no ceo

Créditos: Alfredo Madrigal

O ceo a simple vista é un espectáculo. E de balde. Ao alcance de todos, sen distinción de idade, condición social ou educación. O simple feito de ollar as estrelas é algo fermoso. Se ademais distinguimos esquemas recoñecibles a satisfacción persoal aumenta. E todo o que sexa distinguir estruturas cósmicas conéctanos dalgún xeito co universo.

Todo o que ollamos a simple vista nun ceo escuro desde o noso país pertence á galaxia da Vía Láctea, agás un borrancho do ceo. Esa nube abrancuzada que atravesa o ceo, máis espectacular no inverno se cabe, e o plano galáctico. Se puidéramos viaxar fóra da nosa galaxia veríamos unha estrutura de brazos espirais retortos ao redor dun centro, co Sol situado máis ou menos na metade dun deses brazos. Por riba, por baixo, á esquerda, á dereita, por diante ou por tras do Sol hai unha chea de estrelas, pois o universo é tridimensional. Pero se ollamos cara o centro da galaxia ou na mesma dirección na que está o plano principal hai moitas máis estrelas e moito po e moito hidróxeno que esparexe a luz estelar. Igual que as raiolas que entran polas regandixas dunha persiana da habitación e vemos o po que flota no aire. Esa é a nube que distinguimos no ceo e que chamamos Vía Láctea ou Camiño de Santiago. A nosa veciñanza estelar.

Esta imaxe é realmente unha panorámica formada por 12 fotos individuais unidas cunha aplicación informática, de aí o aspecto de arco que amosa a nosa galaxia. Cada unha das fotos requiriu 20 segundos de exposición cunha cámara fotográfica réflex ubicada nun trípode. Iso fai que, en realidade, na imaxe aparezan máis estrelas que as que veríamos a simple vista. E por baixo da Vía Láctea está o río Oitabén (Fornelos de Montes e Pontecaldelas).

Poderías gostar de...

Deixar unha resposta

A %d blogueros les gusta esto: