Ceos Galegos > Paisaxe Nocturna > Un secredo verde no ceo sobre o Penedo do Galo

Un secredo verde no ceo sobre o Penedo do Galo

Créditos da imaxe: Dani Caxete

Nas montañas o aire é máis puro e limpo. Respírase mellor, está máis fresco e o ceo amosa todo o seu esplendor. Ás veces pareces estar entre soños, cando as brétemas baixas e as nubes altas lle dan certo aire onírico. E aí tes subindo polo ceo unha nube de verdade, a nosa galaxia a Vía Láctea que divide a escena en dúas partes. Á esquerda tres astros máis brillantes, tres planetas neste aliñamento de hai un par de anos: Xúpiter, Marte e Venus. Por riba da cabeza do fotógrafo a típica familia estelar do inverno: a estrela máis brillante do ceo nocturno, Sirio, seguindo a Orión, ao Touro e ás Pléiades, ese fato de estrelas arriba á dereita. Aos pés o Penedo do Galo (Viveiro).

Luces de diferentes cores crean un espectáculo luminoso, vermello nos aeroxeradores, amarelo pola contaminación luminosa das vilas da mariña lucense, a propia lanterna do fotógrafo e o verde o ceo. Como? Un ceo verdecente? Non era a costa? Ese brillo verdeallo do medio da imaxe sobre o horizonte chámase luminescencia atmosférica, máis simple de dicir en inglés coa súa palabra airglow (literalmente, brillo do aire). Moi difícil de ver a simple vista porque é moi tenue e ten lugar só nas primeiras hora da noite. A súa orixe, a emisión de fotóns de cor verde por moléculas das capas altas da atmosfera ao recombinarse, despois de que durante o día a luz solar as disociase. Sobre todo moléculas con osíxeno.

A imaxe é unha panorámica de 6 fotos tomadas con 30 segundos de exposición e unidas dixitalmente, realizada por un artista con varias fotografías publicadas xa no Astronomical Pictura Of the Day da NASA. Ademais, adorna o mes de decembro do noso calendario para este ano 2018.

Poderías gostar de...

Deixar unha resposta

A %d blogueros les gusta esto: