Ceos Galegos > Cultura e astro > Patrimonio estelar, patrimonio da humanidade

Patrimonio estelar, patrimonio da humanidade

Créditos: Alfredo Madrigal

Hai lugares case máxicos, nos que a terra e o ceo parecen unirse para contarnos a historia da humanidade. Pero mira a foto, nin o de arriba nin o de abaixo teñen a consideración de patrimonio da humanidade. Aínda.

Sobre o de arriba, a Unesco está a desenvolver diversas estratexias para a protección do ceo nocturno. E, en concreto, creou unha categoría especial para recoñecer como patrimonio da humanidade lugares de interese astronómico, en colaboración coa Unión Astronómica Internacional. No ceo está gran parte da historia, da cultura e do coñecemento da antigüidade. Grazas ao ceo a humanidade aprendeu a anticiparse ao paso das estacións, a crear os primeiros calendarios, a facerse un calendario para os traballos agrícolas, a saber cando cazar certas especies migratorias, a contar lendas e contos que explicaran por que había estrelas e outros obxectos.

Sobre o de abaixo, está en marcha a candidatura para lograr que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade. Nas confluencias do ríos Miño e Sil fóronse construíndo desde a Idade Media unha chea de capelas, igrexas, mosteiros que hoxe en día non fan máis que salientar a fermosura intrínseca do lugar. Un canón, o do río Sil, escavado pola fluír das augas durante esta era Cuaternaria. De seguro que noutros tempos lle buscaron outra explicación á formación dun lugar tan especial.

Esta imaxe de hai máis de un ano é en realidade un mosaico creado a partir de 16 fotos en dúas fileiras, realizadas cada unha con 20 segundos de exposición a ISO 12800. En primeiro plano o embarcadoiro de Santo Estevo de Ribas de Sil (Luíntra, Ourense).

Poderías gostar de...

Deixar unha resposta

A %d blogueros les gusta esto: