Ceos Galegos > Lusco e fusco > Un raio verde no Sol

Un raio verde no Sol

Créditos: Ángel D. R. Arós

O Sol é amarelo, a súa luz é branca, ese raio é verde.

Ollastes algunha vez o solpor no horizonte do mar? Si, de seguro. Seguistes o relucente astro ata o intre no que desaparece rozando na liña de auga coa parte superior do seu disco? É posible. Pero, notastes o fenómeno que se produce no intre mesmo no que lanza o seu derradeiro raio, se o ceo, límpido de brétemas, ofrece unha pureza inmaculada? Acaso non. Pois ben, a primeira vez que atopedes a circunstancia (pouco frecuente por desgraza) de facer esta observación, non sucederá, coma puidera crerse, que fira a vosa retina un raio vermello, senón un raio verde, pero dun verde marabilloso, dun verde que ningún pintor pode obter na súa paleta, dun verde cun matiz non reproducido xamais na natureza, nin nas variadas tinguiduras dos vexetais nin no ton dos mares máis transparentes. Se no paraíso existe a cor verde seguramente é esa, a verdadeira cor verde da esperanza!

Así introducía Jules Verne na súa novela “O raio verde” este fenómeno que espertaría na súa protagonista, Helen, unha procura polas Illas Hébridas ao norte de Escocia.

O noso fotógrafo estivo na súa procura moito tempo, desde a infancia, para rematar de atopalo preto da súa casa. Así o retratou por baixo da ponte de Rande desde a praia de Cesantes (Redondela, Pontevedra). Porque, hai lugar máis verniano no mundo ca este? Protagonista tamén na novela “20 000 leguas baixo dos mares” onde o capitán Nemo, ao mando do seu submarino Nautilus, mergullábase para coller os tesouros afundidos na batalla de Rande. Pero as conexións co mundo literario do autor francés non rematan aí, pois desde o lugar no que se tomou a foto só habería que mirar á dereita, cara a illa de San Simón. Alí está o propio escritor vixilando a escena.

OLLO: nunca mirar ao sol directamante, pode provocar danos irreversibles no ollo.

Esta imaxe protagoniza o mes de setembro do noso calendario. A que agardas para mercalo?

Poderías gostar de...

3 Respostas

  1. 19 Xaneiro, 2018

    […] é raro ver ao Sol emitir unha raio verde, que esta sexa azul xa é extraordinario. Tanto que este é o primeiro rexistro do mesmo en Galicia […]

  2. 30 Xaneiro, 2018

    […] si, pero a da foto ten un raio verde no limbo superior. O mesmo fenómeno de refracción que se dá co sol, a fin de contas o que vemos […]

  3. 2 Febreiro, 2018

    […] mesmo solpor captouse un raio verde (incluso con detalles azulados) e un raio vermello. No mesmo lugar que o noso raio azul dos […]

Deixar unha resposta

A %d blogueros les gusta esto: