Ceos Galegos > AstroDidáctica > Como mirar aos ceos galegos

Como mirar aos ceos galegos

Créditos: licenza CC Aleixandrus

O ceo é fermoso. Pola noite, ao poñerse o Sol, aparecen milleiros de soles afastados. A simple vista, cunha simple guía celeste ou un planisferio ou imprimindo a nosa propia carta estelar personalizada, podemos recoñecer constelacións ou a Vía Láctea.

Se temos uns prismáticos o ceo nocturno amosa outro espectáculo diferente. A Lúa xa nos amosa detalles, enxergamos algúns cúmulos estelares, algunhas galaxias e algúns planetas. E uns prismáticos acoplados a un simple trípode fotográfico faise moito máis cómodo.

Se coñecemos a alguén cun telescopio o espectáculo varía. Vemos moitas máis estrelas, a Lúa parece que podemos tocala coas mans e distinguimos unha chea de accidentes xeográficos. Temos varios catálogos de obxectos interesantes ao noso alcance, con nebulosas, cúmulos, refugallos de explosións estelares ou galaxias.

Se por último acoplamos unha cámara fotográfica réflex ao telescopio entón o Universo faise de cor. A cámara pode sumar información da luz que recibe durante segundos e minutos, algo que o noso ollo é incapaz de facer. De aí que, con longas exposicións, deixando o diafragma da cámara aberto durante segundos e minutos, somos quen de obter os mesmos obxectos que antes pero en cor e con moito máis detalle.

Hoxe temos un vídeo secuencia, unhas 300 fotografías feitas con cámara e trípode con 15 e 25 segundos de exposición, unidas para dar a sensación de movemento. Resume varias horas dunha saída de campo dun grupo de astrónomos amadores. Algún a simple vista, outro con prismáticos, aquel con telescopio e aqueloutro facendo astrofotografía. Por riba, o ceo móvese. E os avións sucan o espazo cara os seus destinos terrestres.

Poderías gostar de...

Deixar unha resposta

A %d blogueros les gusta esto: