Ceos Galegos > Ceo fondo > Hai tempo estoupou unha estrela

Hai tempo estoupou unha estrela

Créditos: Pablo J. Martínez Alemparte

As medicións falan de que hai 5 000 anos ou 10 000 estoupou unha estrela. O seu brillo tivo que marabillar aos habitantes da Terra daquela época, pero aínda estaba por inventar a escritura polo que non nos quedou constancia. Hoxe só quedan os refugallos daquela explosión, unha nube de elementos que seguen a viaxar polo espazo estando cada vez máis esparexidos. De feito, cando se descubriu esta nebulosa por William Herschel deulle un nome a cada unha das súas partes, porque non se asociaban os diferentes anacos do veo co mesmo evento. Aquí temos o anaco denominado NGC 6995. Pénsase que está a algo menos de 2 000 anos luz de distancia, tendo un tamaño duns 90 anos luz, tras estes milleiros de anos expandíndose.

A nebulosa do Veo é unha fermosura ollándo cun bo telescopio nun ceo moi escuro, aínda que sexa en branco e negro. E unha fermosura aínda mellor en imaxes de longa exposición como esta, tirada ao comezo do nadal desde os ceos libres de contaminación luminosa dos montes de Trevinca na Veiga (Ourense). Todos eses puntiños luminosos son estrelas da nosa galaxia que están máis preto ou máis lonxe. Son moitos, xa que a nebulosa está moi preto do plano da Vía Láctea.

A imaxe foi realizada a partires de 12 tomas de 300 segundos de exposición cada unha. As cores son reais.

Poderías gostar de...

Deixar unha resposta

A %d blogueros les gusta esto: