Ceos Galegos > AstroDidáctica > Unha Lúa non chea

Unha Lúa non chea

Créditos da imaxe: Miguel Ángel

Esta lúa non está chea. A fase de Lúa chea é un momento preciso e exacto, que en Galicia ten lugar hoxe 31 de xaneiro ás 14:37. Nese momento, hai un aliñamento perfecto entre Sol, Terra e Lúa. Se non se produce unha eclipse é porque o plano de rotación da Lúa ao redor da Terra está inclinado uns 5 graos ao respecto do plano de traslación da Terra ao redor do Sol. Pero como os puntos de corte dos dous planos van xirando, de vez en cando coinciden na liña de visión solar e entón si que hai unha eclipse. En realidade, hoxe si hai unha eclipse pero por unhas poucas horas só é visible desde a zona do Pacífico e os países que teñen alí ribeira.

A medición precisa do momento da Lúa chea foi moi importante historicamente. Algúns dos calendarios máis antigos eran lunares, polo que a medición do paso de tempo dependía de saber o día e, mellor, a hora dese momento preciso. O calendario eclesiástico da igrexa católica é lunar, e depende da lúa chea para decidir o momento da pascua. O calendario hebreo antigo é lunar. O calendario musulmán é lunar, e depende de contar as lúas cheas para saber cando poñer o mes do Ramadán. Por iso a astronomía árabe tivo un importante desenvolvemento nos anos escuros para a ciencia “occidental” durante a Idade Media. Por iso a igrexa católica conta co seu propio Observatorio Astronómico. Por iso personaxes como Alfonso X o Sabio fixeron esforzos por rexistrar e medir a astronomía da súa época.

Esta Lúa non está chea. Nós non imos ver hoxe unha eclipse lunar. A Lúa chea de hoxe non se verá azul. Pero a Lúa é fermosa de contemplar. O que se ve por riba desta Lúa case chea non son extraterrestres, senón paxaros ben terrenais. Pero sempre é unha boa ocasión para saír ao monte e contemplar o ceo nocturno. A simple vista, na Lúa, somos quen de distinguir as zonas escuras (chamados antigamente maria, pensando que eran océanos), das zonas claras, terreos máis novos.

Charla: o editor de Ceos Galegos en Compostela, na Nave de Vidán, venres 2 de febreiro ás 21:00 horas “Un ano de astronomía en imaxes da NASA“, con observación astronómica ao rematar.

Poderías gostar de...

Deixar unha resposta

A %d blogueros les gusta esto: