Ceos Galegos > Paisaxe Nocturna > Baixo o branco luar

Baixo o branco luar

Créditos da imaxe: Luis Vilanova

En 1765 nacía en Birmingham a Lunar Society, un encontro de industriais, filósofos naturais e intelectuais da cidade que se xuntaban a cotío para falaren de ciencia. Escolleron para as súas reunións as noites de Lúa chea. Non porque pensaran nos influxos positivos desa fase lunar nas súas mentes, senón por unha razón máis prosaica. Ao remataren o encontro sería máis doado voltar a casa por unhas rúas que non tiñan alumeado público pois o luar facilitaba o camiño. A pouco máis se pode reducir o influxo lunar (as mareas).

Na imaxe de hoxe o autor tamén notou o influxo positivo do luar. Xunto co branco coruscante da neve non era preciso o emprego de lanternas para poder moverse nesta paisaxe dos Ancares de hai uns días. Unha lúa tan brillante que só permite albiscar unhas poucas estrelas no ceo. Sirio, a máis brillante do ceo nocturno está xusto no centro por riba do pico do Campanario, coñecido entre os montañeiros coma Dous Irmáns por razóns obvias. Ampliando a imaxe enxergamos as estrelas de Orión á dereita da Lúa, cos xemelgos Cástor e Pólux á esquerda.

O monte máis grande e preto é o Cuíña, que domina esta panorámica composta a partires de catro fotografías verticais realizadas con 1,3 segundos de exposición.

Poderías gostar de...

Deixar unha resposta

A %d blogueros les gusta esto: