A Lúa ten mares

Imaxe: Raúl Rodríguez Vázquez

Na Grecia clásica algúns filósofos xogaban coa idea de que na Lúa podía haber vida como a terrestre, cidades e todo tipo de construcións. Incluso a simple vista decatámonos que ten zonas escuras e claras. Hai quen ve unha faciana de muller, un home ou unha lebre.

Os primeiros observadores que de seguro puideron empregar algún tipo de lente de aumento para mirar a Lúa albiscaron a existencia de accidentes xeográficos. Así William Gilbert ou Thomas Harriot crearon os primeiros debuxos lunares. Se ben foi Galileo Galilei o primeiro en facer o primeiro traballo sistemático de observación xa con telescopios con cunhas deceas de aumentos.

Nos primeiros tempos do estudo da xeografía lunar, denominada selenografía, pensábase que as zonas escuras eran mares. Así recibiron nos primeiros mapas diferentes nomes ata que o astrónomo xesuíta Giovanni Riccioli fixou os primeiros nomes que chegaron á nosa época. Así, os cráteres recibirían nomes propios de científicos, as montañas nomes de sistemas montañosos terrestres e os mares denominacións de fenómenos que historicamente se lle atribuían á Lúa, todo en latín. Así temos a fecundidade, a serenidade, a chuvia, as nubes… na forma de Mare Fecunditatis, Serenitatis, Imbrium, Nubium e así ata dúas deceas.

Hoxe, observar a Lúa cuns sinxelos prismáticos xa nos abre un gran mundo de descubrimentos. Sacar fotos á Lúa coa cámara do móbil era algo impensable só hai uns poucos anos. E unha definición como a da imaxe de hoxe precisa un pequeno telescopio, neste caso desde un segundo piso nunha cidade. Algo inimaxinable nos tempos de Galileo.

Poderías gostar de...

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Un billón de estrelas

En realidade, nesta imaxe hai moitas máis. Ese é o número de estrelas estimado para a galaxia de Andrómeda, que enche a foto. A veciña

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024

4 comentarios en “A Lúa ten mares”

  1. A Lúa está en cuarto minguante nesta imaxe. Se mirades ben na parte esquerda veredes que xa hai algúns cráteres que teñen sombras no seu interior e que a Lúa non é circular de todo. Non vos despistedes, é cuarto minguante porque a Lúa está ao revés. O telescopio empregado para obter a fotografía invirte a imaxe. Coñecendo un pouco da xeografía lunar é fácil detectalo porque os “mares” e os cráteres máis relevantes están no lado contrario.

  2. Pingback: Ceos Galegos

Os comentarios están pechados.