Ceos Galegos > Paisaxe Nocturna > Un rego de leite no ceo

Un rego de leite no ceo

Créditos: Marcos Gestal

Camiños na terra, camiños no ceo, camiños de terra, camiños de estrelas. Velaquí un camiño de leite, tal vían na Grecia clásica e así o recolle Eratóstenes nos seus Catasterismos:

Aparece visible entre os círculos do ceo e denomínase Galaxia. Os fillos de Zeus non tiñan dereito a participar da honra do ceo a non ser que mamasen do peito da deusa Hera; din que por iso Hermes tomou a Heracles recén nado e aplicouno ao peito de Hera. E Heracles mamou do peito. Pero ao se decatar Hera afastouno bruscamente, e o chorro de leite que seguiu fluíndo a eito formou a Vía Láctea.

Hoxe sabemos que aí contamos unhas 300 000 millóns de estrelas (unha estimación coma outra calquera) xunto con nubes de po e hidróxeno que esparexen a luz estelar. Sabemos que ten forma de espiral. Pero non hai ningunha imaxe da nosa galaxia desde o exterior porque ninguén foi tan lonxe para tirar unha foto.

Baixo este arco da Vía Láctea tomada nos meses de verán érguese o faro máis moderno da costa galega, en punta Nariga. O proxecto arquitectónico pertence a César Portela, a modo de barco que desafía ao océano. Na proa érguese un Atlante obra do escultor Manuel Coia, neste caso exento de cargar co peso dos ceos no seu lombo.

A imaxe composta está creada a partires de 8 tomas entre o lusco e fusco, con 13 segundos de exposición, para obter unha imaxe na que se vexa o faro e o contorno terrestre. Outras tomas fixéronse xa coa noite pecha para captar o ceo nocturno, con 20 segundos de exposición.

Poderías gostar de...

1 resposta

  1. 20 Xuño, 2018

    […] dereita, xusto no límite coas montañas, esa parte da Vía Láctea coincide coa constelación de Saxitario. Un tempo de exposición para a imaxe de 25 segundos e unha […]

Deixar unha resposta

A %d blogueros les gusta esto: