Ceos Galegos > Paisaxe Nocturna > Nubes na Terra, nubes no ceo

Nubes na Terra, nubes no ceo

Créditos: Alfredo Madrigal

Na Terra aparecen nubes tralo solpor. Uns poucos cumulus humilis zarrapicados por diante duns potentes nimboestratos que ameazan con cubrilo todo.

Moito máis lonxe no ceo, aparecen nubes cósmicas. A metade dereita da imaxe está dividida pola Vía Láctea, a nosa galaxia, chea de po que esparexe a luz das estrelas que alberga. Pola metade esquerda aparece unha nube luminosa: a luz zodiacal. Ben mirado, é o equivalente a Vía Láctea a nivel planetario. Débese a luz da nosa estrela esparexida polo po que abunda no plano do Sistema Solar. Por iso coincide co plano da eclíptica, a liña do ceo polo que andan os planetas e a Lúa.

Por último, na parte superior da imaxe e á dereita do centro hai unha nube máis pequerrecha pero que, en realidade, é o máis grande de toda a escena. É a galaxia de Andrómeda, milleiros de millóns de estrelas amoreadas nese borrancho.

Seguro que os autores das ruínas do primeiro plano, que hai dous milleiros de anos era un ordeado castro no monte de Santa Tegra, gozaban de vistas magníficas do ceo coma esta. Con nubes, con estrelas, con galaxias. Non sabemos como lle chamarían ás estrelas e constelacións que observaban. Pero seguro que descoñecían a nube de fotóns debida á contaminación luminosa que se ergue desde A Guarda (Pontevedra) á dereita.

Poderías gostar de...

1 resposta

  1. 20 Febreiro, 2018

    […] conxunción de hai un par de anos, con Venus e Marte xuntos preto do horizonte e mergullados na luz zodiacal, esa luz solar esparexida polo po existente no plano galáctico. No alto albiscamos as Pléiades e […]

Deixar unha resposta

A %d blogueros les gusta esto: