Ceos Galegos > Ceo fondo > Un visitante de moi lonxe

Un visitante de moi lonxe

Créditos da imaxe: Fins Eirexas

Nos arrabaldes do Sistema Solar estase a xogar unha partida de billar gravitacional. Un chea de bólas de xeo e po (algúns cálculos falan dun milleiro de millóns de unidades) están a moverse de xeito caótico e, de cando en vez, algunha delas sae arrebolada cara o interior do noso sistema planetario. Ese barrio recibe o nome de Nube de Oort e os visitantes que veñen de alí son os cometas.

Desde o monte Culou (Lousame – A Coruña) chéganos esta imaxe na que o cometa C/2016 R2 parece querer entrar noutra veciñanza, a do cúmulo estelar das Pléiades. É só un efecto de perspectiva pois estas estrelas, o grupo á dereita da imaxe, están a máis de 400 anos luz (4 mil billóns de quilómetros) de distancia e o cometa, envolto pola liña amarela, a tan só 360 millóns de quilómetros, polo que realmente pasa moi por diante. Unha vintena de imaxes con case media hora total de tempo de exposición necesitou o fotógrafo para captar a cola azul do cometa, unha cor debida á emisión de gas de monóxido de carbono ionizado.

O descubrimento de novos cometas sempre foi campo de investigación en toda a historia da astronomía. Este foi feito polo proxecto Pan-STARSS, un conxunto de dous telescopios que automaticamente rastrexan o ceo tirando imaxes de amplo campo todas as noites, comparando os puntos luminosos cos xa catalogados para descubrir movementos. Unha vez detectados estes só hai que dilucidar se é un novo asteroide, un cometa ou calquera outro obxecto espacial.

Poderías gostar de...

2 Respostas

  1. Fins di:

    Podedes apreciar millor a cola do cometa nesta imaxe invertida: https://flic.kr/p/248fK6y

Deixar unha resposta

A %d blogueros les gusta esto: