Ceos Galegos > Arqueo e astro > Un planeta buxaina

Un planeta buxaina

Créditos: Marcos Gestal

A vista deste espectáculo un ben podería pensar que estamos dentro dunha cúpula en movemento. Sería unha das esferas que na escola pitagórica rodeaban á Terra, a das estrelas fixas. Pensar que eses puntos de luz non están nun teito fixo e que se move a Terra e non o ceo supón xa outro nivel de abstracción. E, sobre todo, observación, anotación e catalogación do obxectos celestes para poder extraer conclusións. A base do método científico.

O primeiro catálogo estelar foi feito por Hiparco de Nicea no século II A.C., desaparecido nos incendios da Biblioteca de Alexandría. Sabemos del polo segundo catálogo e máis completo da antigüidade, denominado Almaxesto, de Ptolomeo, pois o cita a miúdo. Así comeza este libro:

[os antigos] observaron que Sol, Lúa e outras estrelas eran transportadas desde o leste ao oeste ao longo de círculos que sempre eran paralelos uns con outros, comezaban a saír desde baixo a mesma Terra, por dicilo así, indo gradualmente cara arriba, mantendo despois unha traxectoria circular de xeito similar e indo cara baixo, ata caer na Terra; elas desaparecían completamente despois, eran invisibles por algún tempo, novamente saían e se puñan.

En realidade todo se move. A Terra xira sobre si mesma, móvese polo espazo e o seu eixe de rotación tamén fai xiros. Coma unha buxaina.

Cunha cámara réflex e unha longa exposición podemos documentar de xeito sinxelo o movemento de rotación terrestre. Nesta imaxe que ten á estrela polar no centro, rexistramos os ronseis estelares despois de tirar 60 fotos con 30 segundos cada unha. O fermoso marco das Penas de Rodas (Outeiro de Rei, Lugo), lugar con posibles aliñamentos arqueoastronómicos, consegue alumearse grazas ao luar e unha lanterna.

Poderías gostar de...

Deixar unha resposta

A %d blogueros les gusta esto: