Ceos Galegos > Paisaxe Nocturna > Xuntiños ao solpor

Xuntiños ao solpor

Créditos da imaxe: Fins Eirexas

Os planetas xiran ao redor do Sol no mesmo plano orbital. Chamámoslle plano da eclíptica, porque cando se aliñan os uns cos outros prodúcense as eclipses. Como cada planeta leva unha velocidade diferente, os máis interiores van adiantando aos máis exteriores según pasan os anos. Iso provoca que ás veces aparezan no ceo nocturno varios planetas no mesmo anaco de ceo. A isto chamámolo conxunción planetaria.

Trátase só dun efecto da nosa perspectiva. En aparencia, tal e como os vemos desde a Terra, os astros parecen achegarse moito no ceo, pero na realidade están moi afastados. O vindeiro mes poderemos gozar tralo solpor da conxunción de Venus e Mercurio. E, estes días, antes do amencer temos aliñados a Saturno, Marte e Xúpiter. A ventaxa é que conxuncións e aliñamentos se poden gozar a simple vista.

Tamén podes admirar con toda comodidade esta conxunción de hai un par de anos, con Venus e Marte xuntos preto do horizonte e mergullados na luz zodiacal, esa luz solar esparexida polo po existente no plano da eclíptica. No alto albiscamos as Pléiades e á esquerda a constelación de Orión. Por debaixo hai un castro, o de Baroña. A ámbolos dous extremos as vilas veciñas (Porto do Son, Muros, Ribeira). Imposible non velas. No medio o fotógrafo, que nesta ocasión tirou 3 fotografías para crear a panorámica, cun tempo total de exposición de 90 segundos. Por certo, apareceu nun programa da tele da BBC presentado por Brian Cox (no minuto 3). A imaxe, non o fotógrafo.

Poderías gostar de...

2 Respostas

  1. Fins di:

    Na referenza á luz zodiacal fálase de “plano galáctico” cando debería ser “plano eclíptico” ou “plano da eclíptica”.

Deixar unha resposta

A %d blogueros les gusta esto: