Créditos da imaxe: Dani Caxete
O arco da vella é unha proba de que a luz branca, en realidade, está composta de varias cores. Se queremos falar con máis propiedade podemos dicir que é a descomposición do espectro electromagnético da luz, aínda que isto normalmente é menos romántico. O máis habitual é ollalos en días de choiva, cando sae o Sol ás nosas costas. Porque a xeometría é importante. A fonte luminosa sempre ten que estar por tras de nós.
Pero tamén se poden ver de noite. A fin de contas, o luar non é máis que luz branca do Sol reflectida pola nosa Lúa. E se é chea mellor, pois hai máis luz. Así pasou nesta fermosa noite na mariña lucense onde o fotógrafo puido contemplar un fermoso arco branco lunar, un arco iris sen cores. Porque, ao ser noite, é máis difícil poder aprezar as cores típicas do día. Pero aí o están.
Por baixo e máis preto, aquí na terra, está a praia das Catedrais (Ribadeo). Non o parece porque non está ateigada de xente, pero si que o é, xa non eran horas pero está igual de fermosa baixo o luar.
1 comentario en “Un arco da vella branco”
Os comentarios están pechados.