Ceos Galegos > Ceo fondo > Unha augamar no ceo galego

Unha augamar no ceo galego

Créditos: Alfredo Madrigal

Ben o parece, con eses tentáculos que apuntan cara arriba e á dereita. Pero moi lonxe de seren tentáculos urticantes e ter un corpo xelatinoso iso que observamos é unha nube de gas hidróxeno, e algo de helio, e átomos de litio, xofre, osíxeno… Son os refugallos dunha estrela que estourou hai xa ben tempo, disque hai 30 milleiros de anos. Daquela non había ninguén na Terra que puidera anotar o acontecemento: os neandertais estaban empeñados en se extinguiren e a escritura aínda non fora inventada. Aínda que o brillo do estoupido aínda tardou en chegar a nós 5.000 anos, pois esa é a distancia, en anos luz, á que está esta nebulosa.

Pois aí anda esta medusa cósmica, pola constelación dos Xemelgos, recibindo tamén outros nomes máis serios en función do catálogo empregado, como IC 443 ou Sharpless 248. Máis bonito é nebulosa Augamar, onde vai parar.

Baixando do corpo da nebulosa hai unha nube molecular coa que está a interaccionar. Aquí aparece enmarcada por dúas estrelas moi brillantes, da constelación dos Xemelgos. A de arriba é Eta Geminorum, moito máis achegada a nós. Outras moitas estrelas por diante e por tras e, indistinguible no interior da nebulosa, unha estrela de neutróns que é todo o que nos queda da explosión cósmica.

A forma da nebulosa, imposible de ollar se non se rexistra mediante cámara, precisou dun total de 2,4 horas de exposición na noite do pasado sábado desde os escuros ceos da Veiga (Ourense).

Poderías gostar de...

1 resposta

  1. 23 Marzo, 2018

    […] Nos Ceos Galegos temos a nosa propia versión desta augamar cósmica. […]

Deixar unha resposta

A %d blogueros les gusta esto: