Ceos Galegos > Paisaxe Nocturna > Unha lúa negra sobre as luces da cidade

Unha lúa negra sobre as luces da cidade

Créditos: Pablo J. Martínez Alemparte

Nos últimos días do mes de febreiro, a Lúa en cuarto crecente cruzouse no camiño da estrela Aldebarán, na constelación do Touro. O que sería unha conxunción en astronomía. Aí a vemos de cor laranxa, ao carón dunha Lúa que aparece sobreexposta na imaxe dixital. Con todo, durante o mes pasado deuse a casualidade de que non houbo ningunha lúa chea. Ao durar unha luada uns 29 días e coincidir as lúas cheas no 31 de xaneiro e o 1 de marzo produciuse esta casualidade. Noutras culturas recibe o nome de “lúa moura” ou negra, que non é máis que un xeito de ensarillar un tema que só existe pola arbitrariedade do calendario gregoriano. A fin de contas, unha “lúa moura” (Dark Moon) é máis un concepto que un fenómeno astronómico; non hai xeito de fotografar unha “non-Lúa chea” no mes de febreiro.

Neste ceo tipicamente invernal, a pesares do gran foco de contaminación luminosa producido pola cidade de Vigo, destaca na parte inferior central a estrela Sirio, a máis brillante do ceo nocturno. Cara arriba e á dereita vai aparecendo a constelación de Orión, o guerreiro da mitoloxía grega que no seu ombreiro dereito leva unha estrela avermellada; Betelgueuse.

Desde os máis de 600 metros de altura do Faro de Domaio, o punto máis alto da península do Morrazo (Moaña), domínase toda a ría de Vigo.

Poderías gostar de...

Deixar unha resposta

A %d blogueros les gusta esto: