Ceos Galegos > Ceo fondo > Un guerreiro a escarranchapernas da pedra

Un guerreiro a escarranchapernas da pedra

Créditos da imaxe: Fins Eirexas

Unha pedra na terra, unha chea de nubes no ceo. Neste caso son nubes cósmicas. Das que permiten ver perfectamente as estrelas porque só se poden captar cunha cámara de fotos e un telescopio. Un arco avermellado arrodea ás tres estrelas do cinto de Orión, chámase Bucle de Barnard. Probablemente se orixinara pola explosión dunha estrela en forma de supernova, sendo así os refugallos en expansión creados no interior da estrela morta. Pero ese estoupido tería ocorrido hai máis de dous millóns de anos. Se brilla así é porque recibe radiación das estrelas da nebulosa de Orión, que tamén se ven na imaxe.

Máis arriba tamén hai unha nebulosa de forma esférica chamada Lambda Orionis. Aí están a nacer estrelas, coma na nebulosa de Orión. Todas estas nubes cósmicas forman parte do denominado complexo molecular de nubes de Orión.

A constelación que domina a imaxe, Orión, parece estar a escarranchapernas sobre a Pedra Cabalgada (Dumbría, A Coruña), pero tamén asoman pola imaxe o Can Maior e a súa brillante estrela Sirio abaixo á esquerda, máis a constelación Touro e a estrela Aldebarán no recuncho contrario.

A raia que atravesa é un meteoro das xemínidas, xa que a toma data do pasado mes de decembro. Precisáronse varias tomas ao longo de dúas horas e, para alumear o primeiro plano da escena, unha combinación de luz frontal vermella e luz led dun teléfono móbil.

Poderías gostar de...

Deixar unha resposta

A %d blogueros les gusta esto: