Ceos Galegos > FotoMóbil > O arco da vella non ten sete cores

O arco da vella non ten sete cores

Créditos da imaxe:Sindo Nóvoa

A receita para facer un fermoso arco da vella precisa chuvia, o Sol saíndo entre as nubes (sempre ás túas costas) e un observador no lugar axeitado. Entón, aló, comezará a se formar un arco froito da descomposición da luz nas cores que ten no seu interior. Se nos queremos poñer finos podemos afirmar que é o espectro electromagnético da luz visible. A luz solar atravesa as pingas de auga. Estas actúan coma pequenos prismas de cristal separando as cores que, ao teren diferentes lonxitude de onda, refráctanse a diferentes ángulos, conformando esa gradación colorida que ten o arco da vella.

Cantas cores contas? Cinco, seis, sete, oito?  Por fóra está o vermello, despois veñen laranxa, amarelo, verde, celeste, azul e violeta. Sete? En realidade, as cores forman un continuo de tons polo que poderiamos albiscar por centos ou milleiros diferentes. Que digamos que hai sete debémosllo a Isaac Newton. El foi quen demostrou que o arco da vella era a descomposición dun raio de luz ao pasar por un prisma de cristal. El foi quen decidiu que o número de cores que se vían eran sete, pois daquela considerábase un número cabalístico. E a Newton, esas cousas, molábanlle un chisco.

No noso caso, ademais do arco da vella principal vemos un segundo que quere asomar, por riba do primeiro e máis feble. Débese a que o tamaño das pingas de auga permiten que se produza unha segunda refracción no seu interior. Por baixo do arco iris unha cidade enteira, A Coruña.

Poderías gostar de...

1 resposta

  1. 5 Abril, 2018

    […] sabemos cal é a receita para ter un arco da vella. Pero, algunha vez quixeches buscar o tesouro agochado onde remata? Velaquí o tes… pero non. Non […]

Deixar unha resposta

A %d blogueros les gusta esto: