Lembra mirares ás estrelas…

Créditos: Pablo J. Martínez Alemparte

…e non aos teus pés. Tenta procurarlle sentido ao que ves e abráiate sobre o que fai existir ao universo. Se curioso. E por moi difícil que semelle a vida, sempre haberá algo que poidas facer con éxito. É importante que non te rindas.

Esta cita literal de Stephen Hawking ben podería ser o leitmotiv de Ceos Galegos. Cada día unha imaxe que comentamos na esperanza de aprendermos algo ou, polo menos, estimule a necesidade de mirar ao ceo máis a miúdo pra facernos preguntas.

Stephen Hawking foi un físico teórico. Ocupou a cátedra Lucasian  ata hai 10 anos, quizais a máis prestixiosa da terra, ocupada no seu momento por Isaac Newton, Charles Babbage ou Paul Dirac. Traballou coa súa mente en campos da ciencia aos que poucos contemporáneos podían chegar. Alí nos límites de aplicación da teoría cuántica e da gravidade xeral, onde os buratos negros dominan o universo. Nun lugar onde case toda a física que estudamos deixa de ter sentido pois o espazo-tempo crébase baixo a forza dunha materia sumamente concentrada e enormemente densa. Os buratos negros non deixan escapar nada do seu interior. Pero se non emiten deberían ter unha temperatura igual ao cero absoluto, algo absurdo. Pero Hawking propuxo unha idea novidosa, aplicando a teoría cuántica á materia os buratos negros podían emitir algún tipo de radiación, cando capturaban materia. Chámase na súa honra a radiación de Hawking.

Desde o alto de Fontefría (A Cañiza, Pontevedra) lembramos mirar as estrelas en vez de aos nosos pés. Aí, onde a Vía Láctea atravesa o ceo para cruzarse co horizonte está a constelación de Saxitario. Mirando aí sabemos que hai un burato negro, no noso centro galáctico. Aí está Saxitario A*, ao redor do cal xiran todas as estrelas da nosa galaxia. Vale, non se ve. Non emite nada. Pero está aí.

Aínda non somos quen de detectar a radiación de Hawking. Forma parte do seu legado.

Poderías gostar de...

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Un billón de estrelas

En realidade, nesta imaxe hai moitas máis. Ese é o número de estrelas estimado para a galaxia de Andrómeda, que enche a foto. A veciña

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024

2 comentarios en “Lembra mirares ás estrelas…”

Os comentarios están pechados.