Ceos Galegos > Paisaxe Nocturna > Mercurio, Venus, a Lúa maila Terra

Mercurio, Venus, a Lúa maila Terra

Créditos da imaxe: Fins Eirexas

Entre borrasca e borrasca, aí aparecen tralo solpor. Ao primeiro domina a Lúa no primeiro día do seu mes lunar, con só o 1% de iluminación. Fixándote ben podes ver unha tenue luz cincenta no resto do satélite, polo reflexo da luz solar no noso planeta.

Máis os protagonistas dos solpores destes días son os planetas interiores, os máis achegados ao noso Sol, Mercurio e Venus. Aí o están, formando unha preciosa conxunción planetaria co satélite natural terrestre. Venus sempre é o máis brillante, a estrela da tarde ou o luceiro do asexo, por riba e á dereita do minguante lunar. E Mercurio, sempre fuxidío, no bordo superior do marco. Por uns días poderemos contemplalos despois de marchar o Sol, pero Mercurio xa está de camiño de volta para volver a agocharse na luz solar e en menos dunha semana xa non o daremos albiscado. Aproveita se tes a man uns prismáticos, cun pouco de tento poida que vexas que Venus tamén está en fase, como a nosa Lúa. Tamén o está Mercurio, pero xa resulta moito máis complicado de enxergar.

E por diante, érguense os 240 metros de granito do monte Louro (Muros, A Coruña), pechando a ría de Muros e Noia e dando inicio á Costa da Morte.

Fermosa imaxe do pasado domingo composta a partires de tres instantáneas individuais.

Poderías gostar de...

1 resposta

  1. 3 Maio, 2018

    […] a luz máis brillante da imaxe, vaise ocultar por baixo do horizonte nuns minutos. Débese sobre todo ao propio movemento […]

Deixar unha resposta

A %d blogueros les gusta esto: