Ceos Galegos > AstroDidáctica > Estrelas todo o ano

Estrelas todo o ano

Créditos: Pablo J. Martínez Alemparte

A Terra móvese sobre si mesma e ao redor do Sol segundo pasan as estacións. Como o noso planeta está en diferentes posicións no seu movemento de traslación, en diferentes estacións o ceo nocturno vai mudando. Hai constelacións típicas de inverno, porque só se ven nesa estación. Pero tamén hai algunhas constelacións que se ven todo o ano, son as chamadas circumpolares, porque aparecen ao redor da estrela polar. Por iso se ven todo o ano, xa que na nosa latitude esa estrela, Polaris, está sempre á mesma altura.

Seguro que oíches falar das Osas, Maior e Menor, Casiopea, Cefeo ou Perseo. Son algunhas desas constelacións que todo o ano aparecen no ceo galego nocturno. Nesta imaxe dunha estación de antenas aparecen algunhas. Pegado ao bordo superior cara á dereita está o Setestrelo ou o Carro Maior, unha parte da Osa maior, quizais as estrelas máis recoñecibles do ceo. Xusto un pouco á dereita e por riba da antena máis grande está Polaris. Ao redor dela parece xirar todo o ceo segundo pasan as horas. E por detrás da antena esquerda está Casiopea, como un W en vertical, semi-oculta pola estrutura metálica da torre.

O cumio que protagoniza esta imaxe, o Faro de Domaio, ten máis de 600 metros de altura. Desde este punto máis alto da península do Morrazo (Moaña) domínase toda a ría de Vigo. A fotografía, tomada a primeiros deste mes, precisou de 30 segundos de exposición, cunha cámara réflex fixada a un trípode e ISO 800.

Poderías gostar de...

1 resposta

  1. 16 Abril, 2018

    […] constelación Casiopea, pretiño do seu marido cósmico Cefeo, aparecen moitas estrelas nas imaxes telescópicas. Son […]

Deixar unha resposta

A %d blogueros les gusta esto: