Unha camelia no ceo galego

Créditos da imaxe: Alfredo Madrigal

Os ceos galegos son os únicos que contan cunha camelia. Neste caso, na forma dunha nebulosa, unha zona chea de gas hidróxeno agardando polas condicións favorables para que se poidan formar novas estrelas. No oco central xa se formaron unha presada delas hai uns catro millóns de anos. Fixéronse espazo a forza de empurrar cara fóra ao resto do gas pola radiación que emiten, propia de estrelas novas e quentes. Esta estrelas, algunhas das que se ollan no centro da imaxe, reciben o nome de NGC 2244. A radiación que emiten ten tamén o efecto de facer visible o hidróxeno que as rodea, ao ser ionizado por eses ventos estelares. Estas zonas cósmicas reciben a denominación de rexións H II.

Cuns simples prismáticos seríamos quen de albiscar as estrelas do centro, pero non a nebulosa. Para iso necesitariamos un telescopio e, para chegar a gozar do seu colorido, un equipo astrofotógrafico completo e bastante técnica. Non en van están a uns 4.500 anos luz de distancia. En todo caso hai que apuntar cara a constelación do Unicornio, perdida entre as constelacións de Orión e os seus Can Maior e Can Menor. Agora é boa época, no sur do ceo invernal, cando non hai nubes nin borrascas. A imaxe foi tirada a finais do outono e precisou dunha hora total de exposición, aínda que se repartiu en 10 tomas de 6 minutos cada unha.

 

Só nos ceos galegos hai unha nebulosa da Camelia porque no resto do mundo prefiren denominala coma NGC 2237 ou o nome algo máis metafórico de nebulosa da Roseta.

Poderías gostar de...

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Un billón de estrelas

En realidade, nesta imaxe hai moitas máis. Ese é o número de estrelas estimado para a galaxia de Andrómeda, que enche a foto. A veciña

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024

1 comentario en “Unha camelia no ceo galego”

Os comentarios están pechados.