Ceos Galegos > Ceo fondo > Un globo e un acio de estrelas

Un globo e un acio de estrelas

Créditos da imaxe: Pablo J. Martínez Alemparte

Hai estrelas que parecen xogar co gas que as rodea facendo globos. Outras, parecen amorearse na mesma zona do espazo con todo o baleiro que hai aí fóra.

Na constelación Casiopea, pretiño do seu marido cósmico Cefeo, aparecen moitas estrelas nas imaxes telescópicas. Son estrelas de todo tipo, condición, cor, temperatura, idade e distancia. Pero entre elas destaca un acio estelar por baixo é a dereita do centro da imaxe. Trátase dun cúmulo estelar aberto, de nome M52. Nacidas probablemente na mesma nube de gas agora empezar a afastarse unhas doutras, mentres a gravidade non poida coas forzas de expansión. Foi descuberto xa no século XVIII polo francés Charles Messier, que andaba a cazar algún cometa nesa zona. Así que podemos detectalo cuns simples prismáticos, aínda que non deamos contado o milleiro de estrelas que contén. Consolémonos pensando que son estrelas situadas a uns 5.000 anos luz de distancia.

Pero por riba e á esquerda do centro aparece unha nube de gas e, no seu interior, albíscase un globo que está a ser inchado por unha estrela. A nebulosa da Burbulla (NGC7635 nos catálogos) está formada polos ventos emitidos pola estrela que se albisca coma un punto brillante no lateral, que empurra o gas ao seu redor e vai formando ese fermoso globo cósmico. Parece pequena pero ten 7 anos luz de diámetro, algo así como o dobre de distancia entre o Sol e a estrela máis próxima. Pero é que está o dobre de afastada có cúmulo estelar M52, ano luz arriba ou abaixo.

A imaxe tirada no pasado outono desde o alto de Fontefría (A Cañiza, Pontevedra), precisou de 10 capturas de 5 minutos cada unha cunha cámara acoplada a un telescopio Refractor W.O. ZenithStar 80 II, sobre unha montura motorizada NEQ6.

Poderías gostar de...

Deixar unha resposta

A %d blogueros les gusta esto: