Ceos Galegos > Paisaxe Nocturna > Un ceo de cor verde

Un ceo de cor verde

Créditos da imaxe: Dani Caxete

De noite o ceo non é negro. Nin sequera en ausencia da Lúa nin moito despois do solpor. Máis alá das estrelas que o adornan, e da Vía Láctea que se arquea de punta a punta, aparecen outros fenómenos visibles que fan brillar as noites de verán.

Así foi hai un par de anos que o fotógrafo foi quen de captar un ceo de cor verde por riba da praia das Catedrais (Ribadeo, Lugo). A simple vista quizais só enxergara un brillo difuso, pois é un fenómeno bastante feble. Pero en tomas fotográficas con segundos de exposición aparece se brillo verdeallo. Denomínase luminescencia atmosférica, máis simple de dicir en inglés coa súa palabra airglow (literalmente, brillo do aire). Foi identificado por vez primeira polo físico sueco Anders Ångström, un dos pioneiros da espectroscopía, aínda que o coñecemos máis pola unidade que leva o seu nome (o angstrom ou Å, a dezmillonésima parte dun milímetro).

Na imaxe, un mosaico horizontal con varias tomas para abarcar gran parte do horizonte de oeste a leste, aparece a luminiscencia en franxas que parecen converxer en dous puntos. Trátase simplemente dun efecto de perspectiva, ao distribuírse este brillo por toda a atmosfera e ser esta esférica. Realmente cubre todo o ceo, pero faise máis fácil de detectar por riba do horizonte.

Son varios os fenómenos que poden orixinar estas cores, verdes ou vermellas en función das reaccións asociadas. As moléculas das capas altas da atmosfera reciben luz solar durante o día, provocando a súa disociación. Acontece isto con con moléculas de osíxeno (O2) ou nitróxeno (N2). Estes átomos liberados poden recombinarse á noitiña para formar moléculas de óxido nitrico (NO), emitindo un fotón. Outros fotóns poden vir de formación de grupos hidroxilo (OH) ou reaccións de átomos de sodio.

Imaxes astronómicas da NASA comentadas o sábado 21, no Liceo de Ourense, ás 20:00.

Poderías gostar de...

Deixar unha resposta

A %d blogueros les gusta esto: