Ceos Galegos > FotoMóbil > O Sol, centro do universo

O Sol, centro do universo

Foto orixinal: X. Dosi Veiga

Mirando ao ceo galego vemos como o Sol sae polo horizonte leste (máis ao norleste ou ao surleste en función da estación) e ponse polo oeste. Polo día parece xirar ao noso redor. Pola noite as estrelas parecen xirar todas ao redor nosa. Así foi como os primeiros modelos cosmolóxicos tiñan ao noso planeta no centro do cosmos. Así foi como o modelo definido por Ptolomeo (século II d.c) que desenvolvía as ensinanzas de Aristóteles, se impuxo durante moitos séculos chegando a ser dogma de fe.

A pesares diso xa había formas de explicar o mundo que consideraban ao Sol como o centro cósmico, como Aristarco de Samos no século III a.C. Ou Hipatia de Alejandría que na súa obra criticaba o xeocentrismo, no século IV-V d. C.

Moito despois, Nicolao Copérnico andaba a matinar na idea de darlle unha voltiña ao modelo ptolemaico pois non acabada de convencelo. Poida ser que durante unha estadía en Florencia chegara a estudar a obra de Hipatia, pois sabemos que había un exemplar na biblioteca dos Médici. O certo é que unha vida adicada ao estudo, non exenta das súas labouras relixiosas como monxe que era, deu lugar tras máis de dúas décadas de traballo na publicación dun libro revolucionario De revolutionibus orbium coelestium. Un libro difícil de ler, non só por estar en latín, pois amosa demostracións trigonométricas de forma pouco trivial para xustificar a súa cosmoloxía. Un libro que foi incluído ademais na listaxe de libros prohibidos pola Igrexa católica. E na primeira parte do libro xa amosa o seu modelo, toda unha bomba para o coñecemento científico da época. De forma definitiva sitúa ao Sol como centro do universo, un universo moito máis cativo do que coñecemos agora. Ao seu redor, en esferas perfectas xiraban Mercurii, Venus, Telluris e orbe Lunari, Martis, Iovis, Saturnus e Stellarum Fixarum Sphaera immobilis (Mercurio, Venus, Terra e Lúa, Marte, Xúpiter, Saturno e a esfera inmóbil de estrelas fixas).

A foto é orixinal, feita cun móbil da segunda edición da obra de Copérnico, impresa en Basilea no ano 1556. Hai catalogados menos de 12 exemplares en España. Un par de centos no mundo. Este exemplar é o único existente baixo os ceos galegos, custodiado nunha biblioteca da cidade de Ourense.

Poderías gostar de...

Deixar unha resposta

A %d blogueros les gusta esto: