Ceos Galegos > Lusco e fusco > Unha eclipse para a Revolução dos Cravos

Unha eclipse para a Revolução dos Cravos

Créditos da imaxe: @efervesciencia

Ás veces pasa, estás de viaxe gozando dun solpor e polo medio crúzase a Lúa. Pasa tan poucas veces que a historia da humanidade está chea de dramas cando había eclipses solares: astrónomos degolados por non prevelos, guerras rematadas, sacrificios aos deuses… Xa na Grecia antiga houbo quen de predicir a súa aparición, máis ou menos. E co aporte de sucesivos estudos foise comprendendo a mecánica celeste asociada: Terra, Sol e Lúa aliñados. Dependendo da posición relativa de cada un teremos eclipse lunar ou solar. Mesmo Isidoro de Sevilla (séculos VI-VII d.C.), que ademais de ser bispo gustaba do coñecemento, tratou de dar unha explicación do fenómeno bastante acertada na súa obra De rerum natura.

Contemplar unha eclipse total de Sol é un dos espectáculos máis emocionantes que nos ofrece a natureza. O pasado mes de agosto houbo unha destas moi vista. Contan os habitantes do país afortunado que foi a eclipse do milenio. Pero como o tal país eran os EUA sempre tenden á esaxeración. Pero un anaquiño da eclipse do ano pasado chegou a nós, a toda a costa atlántica, minutos antes do solpor.

Na península Ibérica gozaremos de tres eclipses a finais da vindeira década. E desde Galicia un deles, total de Sol, por riba das nosas cabezas. Non sabemos se daquela seguirá habendo Ceos Galegos.

E como hoxe é 25 de abril, Revolução dos Cravos en Portugal, e esta imaxe foi tirada baixo a ponte 25 de abril de Lisboa, aínda que non sexa estritamente un ceo galego valla de homenaxe aos nosos veciños e irmáns. A fin de contas, o povo é quem mais ordena. Premendo nela atoparás un breve vídeo secuencia. As cores do solpor son simplemente espectaculares.

Poderías gostar de...

Deixar unha resposta

A %d blogueros les gusta esto: