Ceos Galegos > Ceo fondo > Adeus invernalia

Adeus invernalia

Créditos da imaxe: Fins Eirexas

O arco da Vía Láctea acolle baixo a súa luz esas constelacións que pouco a pouco van ir desaparecendo dos nosos ceos de inverno. Aó pola esquerda, xusto por riba dunhas nubes tenues, saliéntase o punto máis brillante da estrela Sirio, na constelación do Can Maior. En vertical por riba dela e unha vez atravesada a nebulosidade da Vía Láctea está Proción, unha brillante estrela do Can Menor. Máis á dereita xa chega Orión, inzada de nebulosas. Un arco violáceo que rodea á esquerda das tres estrelas do cinto é o Bucle de Barnard. Na parte superior da constelación albíscase unha gran nebulosidade redondeada que se chama Lambda Orionis. No centro da imaxe está a constelación do Touro, destacando o seu ollo, a estrela amarelada Aldebarán e un grupiño de estrelas moi xuntiñas que son as Pléiades. Á esquerda, chegando ao norte, a piques de perderse entre as pólas dos eucaliptos do concello de Mazaricos (A Coruña) atopamos á galaxia de Andrómeda. Esta parte do ceo vai estando algo máis alta ao avanzar a primavera e o verán, sendo máis sinxela de ollar. No caso da galaxia satélite da nosa Vía Láctea, incluso a simple vista se estamos en lugares moi escuros.

Esta panorámica tomada no inverno do ano pasado precisou de 10 tomas de 60 segundos cada unha cunha cámara “full spectrum”. Empregouse un filtro especial para reducir a contaminación luminosa, pero aínda se albisca perfectamente no horizonte. Tamén se pode ver como a imaxe se deforma nos laterais; estamos a xuntar varias imaxes case planas para proxectar algo que semella esférico na realidade, e os algoritmos empregados polo programa informático crean esa deformación.

Poderías gostar de...

Deixar unha resposta

A %d blogueros les gusta esto: