Ceos Galegos > Historia da astronomía > Unha deusa nas illas dos deuses

Unha deusa nas illas dos deuses

Créditos da imaxe: Alfredo Madrigal

Venus, a luz máis brillante da imaxe, vaise ocultar por baixo do horizonte nuns minutos. Débese sobre todo ao propio movemento de rotación da Terra. Venus é un dos planetas coñecidos pola humanidade desde a antigüidade, pois é visible a ollo nu. Nas palabras de Eratóstenes:

As cinco estrelas que chamamos planetas posúen movemento propio. Dise que pertencen a cinco deuses (…). O cuarto chámase Fósforo e pertence a Afrodita, é de cor branca e a maior de todas as estrelas; chámano tanto Fósforo como Héspero.

En realidade, os antigos gregos pensaban que Venus eran dous planetas. Ou ben se observaba tralo mencer, sendo Phosforus ou Lucifer (o equivalente latino) significando “que fai luz”, luceiro, orixe dun dos alcumes de Venus como o luceiro da alba. Ou ben se vía antes do solpor, chamándose Hesperus ou Vesper (o equivalente latino) significando “tarde”, de aí outro dos alcumes de estrela verpestina. Ao final, o nome que lle quedou foi o da deusa romana da beleza, a fermosura maila fertilidade, Venus, a equivalente á grega Afrodita.

Así pois aí onde están as illas dos Deuses, como denominaba Ptolomeo ás nosas illas Cíes (Vigo, Pontevedra), unha deusa celeste vaise mergullando no océano Atlántico tralo solpor. Día tras día Venus vai estar cada vez máis afastado do Sol, chegando á súa máxima separación o 3 de xuño. É parte da súa danza anual nos nosos ceos, alternando periodos de non visibilidade con outros no mencer ou tralo solpor.

O amarelo do primeiro plano pertence ás farolas existentes no paseo marítimo, a pesares do filtro empregado para a contaminación lumínica. A imaxe é unha panorámica composta de 3 fotos, cada unha con 5 segundos de tempo de exposición. Iso 6400, a 200 mm, f 2.8.

Poderías gostar de...

Deixar unha resposta

A %d blogueros les gusta esto: