Milagre!, a pleno sol

Créditos da imaxe: Pablo J. Martínez Alemparte

Hai milagres nocturnos, e un sempre pode pensar que o enganan os sentidos. Pero tamén hai milagres a pleno sol, polo que seguro que o que estamos a ver está pasando realmente.

A reflexión da vista prodúcese cando o aire e o vapor condensan nunha nube sempre que, ao condensar, esta resulte homoxénea e formada por partículas pequenas. Razón pola que, ademais, a condensación é signo da chuvia, mentres que a dispersión e disipación son sinal, esta última do bo tempo, e a dispersión, do vento. (…) E como se reflicte por igual desde todos os puntos, necesariamente é un círculo ou un segmento de círculo.

Así explicaba Aristóteles no seu “Os Meteorolóxicos” o que entendía por un halo solar, aló polo 340 a.C. máis ou menos, que non está nada mal. Moita máis extensa a súa explicación ao falar de exhalacións e as influencias mutuas dos catro elementos clásicos: terra, auga, aire e lume.

Porque o que estamos a admirar é un halo solar. Na atmosfera, a altitude que vai dos 6 aos 12 quilómetros pertence ao dominio dos cirrostratus. Son nubes finas que non ocultan a visión do sol. Aí hai millóns de cristais de xeo que provocan que a luz solar se refracte. Esta refracción ten lugar cun ángulo de 22º pola xeometría dos cristaliños xeados. Pode enxergarse na imaxe da esquerda que o bordo interior aparece cunha lixeira tinguidura avermellada. Cara fóra o halo vaise atenuando. Ademais, na zona interior do ceo este aparece un pouco máis escuro porque non hai brillo do xeo. O fenómeno é semellante a un arco da vella, só que sen as súas cores características.

Os halos poden contemplanrse en calquera parte do mundo, de día ou de noite, e a simple vista. Hai que ter coidado para non mirar ao sol directamente. E, como neste caso, ao facer unha fotografía tapando o sol con algún obxecto conseguimos retratar mellor o fenómeno.

O lugar deste “milagre” foi na Capela da Virxe da Guía (Vigo) captada co móbil do astrofotógrafo, que neste caso estaba co posto pero ben atento. Era o primeiro de maio deste ano.

Poderías gostar de...

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Un billón de estrelas

En realidade, nesta imaxe hai moitas máis. Ese é o número de estrelas estimado para a galaxia de Andrómeda, que enche a foto. A veciña

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024

3 comentarios en “Milagre!, a pleno sol”

Os comentarios están pechados.