Ceos Galegos > FotoMóbil > NubeX galegas

NubeX galegas

Créditos da imaxe: Gonzalo González

Ves o “X”? Ves as nubes? Si, son dúas nubes denominadas cirrus homogenitus. Estamos en presenza dun tipo de nube exclusivo do planeta Terra, descuberto no século pasado. Contodo, ata o ano 2017 non recibiu nome de seu e clasificación. Porque si, existe un Atlas Internacional de Nubes e unha organización denominada World Meteorological Organization  (WMO ou Organización Meteorolóxica Mundial) que se encarga de rexistrar os tipos de nubes.

O atlas de nubes publicouse por ver primeira a finais do século XIX e supuso unha ferramente moi importante para o rexistro e a predición meteorolóxica. A súa última edición en papel foi en 1987 pero o ano pasado liberouse unha nova edición, desta volta e polo momento só en formato dixital. Recolléronse varias especies de nubes novas e morfoloxías que ata o de agora non se tiñan en conta.

Para denominar ás nubes emprégase un esquema semellante que para animais e plantas, con palabras tomadas do latín. Así defínense dez xéneros principais: Cumulonimbus (Cb), Cumulus (Cu), Stratus (St), Cirrostratus (Cs), Altostratus (As), Nimbostratus (Ns), Cirrus (Ci), Cirrocumulus (Cc), Altocumulus (Ac) e Stratocumulus (Sc). Pero a cousa complícase porque tamén hai especies (para indicar forma e estrutura interna da nube) e variedades (indican a transparencia e distribución da nube), o que dá un total dunhas 100 combinacións.

Ao exemplo de hoxe de cirrus homogenitus podes chamalo ronsel de avión ou, de xeito un pouco máis específico, ronsel de condensación de avión. Porque fórmase pola acción de avións ao atravesar o aire que está frío e húmido. Iso provoca que se condense a humidade en forma de nubes longas e estreitas. Según as condicións de vento e calor poderán ir variando e mudando no tempo. Estas dúas apareceron sobre Santiago de Compostela a semana pasada marcando o lugar do tesouro.

No país temos abundancia de nubes, algunhas máis sinxelas de ver ca outras. Algúns dos tipos oficiais son case imposibles de enxergar desde a nosa terra. Pero en Ceos Galegos temos un concurso de fotografías de nubes cun premio aportado por 4 gotas e Parque Náutico de Castrelo. Podes participar enviándonos as fotos directamente ou publicándoos na rede social Twitter co cancelo #NubesGalegas e citando a @CeosGalegos e @4gotas_com. Evidentemente, teñen que ser fotos de fotos galegas deste ano.

Poderías gostar de...

Deixar unha resposta

A %d blogueros les gusta esto: