Ceos Galegos > Ceo fondo > Un xigante

Un xigante

Créditos da imaxe: Camilo Fumega Ucha

O noso sistema solar conta hoxe con oito planetas; cada un con características de seu. Un deles é xigantesco e gasoso. Situado en quinta posición en distancia ata o Sol, a súa gran atracción gravitacional poida que tivese protagonismo na aparición de vida na terra. Sería unha especie de eficaz escudeiro defensor de cometas, asteroides e outros penedos ameazantes exercendo sobre eles unha gran atracción.

Coñecido desde a antigüidade coma un punto brillante no ceo que vai mudando de posición ao longo do ano, recibiu o nome mitolóxico do máis importante dos deuses, Zeus para gregos, Xúpiter para romanos. Mirando por un telescopio pequeno somos quen de percibir que non só é un punto, é extenso. Xa desde un observatorio e coa técnica informática axeitada, unha noite con pouca turbulencia e unha experiencia só ao alcance dos mellores astrofotógrafos planetarios podemos obter unha imaxe marabillosa coma esta, tirada desde as terras ourensáns do Carballiño.

Aprezamos franxas nubosas de diferente coloración e unha ristra de óvalos nunha das superiores. En comparación, o tamaño do noso planeta equivale a unhas dúas ou tres veces o diámetro dun deses óvalos. Son en realidade ciclóns que circulan na zona alta da atmosfera.

Non estamos a bordo da sonda espacial Juno da NASA que anda agora por alí facendo investigacións. Entre outras, resolver de vez a estrutura do núcleo do planeta. Parece ser que non é rochoso, como se teimaba ata hai ben pouco, senón un fluído moi denso. Pero a imaxe é impactante. Precisou da gravación dun vídeo de varios minutos e despois, co programa axeitado, amorear todos os fotogramas para obter o detalle da imaxe. Xusto hai agora un ano, un 23 de maio coma este.

Poderías gostar de...

Deixar unha resposta

A %d blogueros les gusta esto: