Un segredo verde no ceo sobre o Penedo do Galo

Créditos da imaxe: Dani Caxete

Nas montañas o aire é máis puro e limpo. Respírase mellor, está máis fresco e o ceo amosa todo o seu esplendor. Ás veces pareces estar entre soños, cando as brétemas baixas e as nubes altas lle dan certo aire onírico. E aí tes subindo polo ceo unha nube de verdade, a nosa galaxia a Vía Láctea que divide a escena en dúas partes. Á esquerda tres astros máis brillantes, tres planetas neste aliñamento de hai un par de anos: Xúpiter, Marte e Venus. Por riba da cabeza do fotógrafo a típica familia estelar do inverno: a estrela máis brillante do ceo nocturno, Sirio, seguindo a Orión, ao Touro e ás Pléiades, ese fato de estrelas arriba á dereita. Aos pés o Penedo do Galo (Viveiro).

Luces de diferentes cores crean un espectáculo luminoso, vermello nos aeroxeradores, amarelo pola contaminación luminosa das vilas da mariña lucense, a propia lanterna do fotógrafo e o verde o ceo. Como? Un ceo verdecente? Non era a costa? Ese brillo verdeallo do medio da imaxe sobre o horizonte chámase luminescencia atmosférica, máis simple de dicir en inglés coa súa palabra airglow (literalmente, brillo do aire). Moi difícil de ver a simple vista porque é moi tenue e ten lugar só nas primeiras hora da noite. A súa orixe, a emisión de fotóns de cor verde por moléculas das capas altas da atmosfera ao recombinarse, despois de que durante o día a luz solar as disociase. Sobre todo moléculas con osíxeno.

A imaxe é unha panorámica de 6 fotos tomadas con 30 segundos de exposición e unidas dixitalmente, realizada por un artista con varias fotografías publicadas xa no Astronomical Pictura Of the Day da NASA. Ademais, adorna o mes de decembro do noso calendario para este ano 2018.

Poderías gostar de...

Desde a caverna

Cando miramos desde o fondo da espenuca, para ollar a realidade, o abraio pode ser maiúsculo. Na nosa imaxe esa sería a realidade fóra das

A muiñeira das auroras

Estamos a vivir unha tempada extraordinaria. Unha actividade solar en máximos históricos está a provocar que poidamos gozar das auroras boreais desde o noso país.

O lobo oubeando ao cabalo escuro

Na terra, un lobo oubea para indicar o seu mando na grea. No ceo, un cabalo escuro fica impertérrito. A nebulosa dese nome é unha

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2026

2 comentarios en “Un segredo verde no ceo sobre o Penedo do Galo”

  1. Pingback: Coloridas bandas de luminescencia ao redor da Vía Láctea | APOD galego
  2. Pingback: Ardora así na terra como no ceo, premio do xurado – Ceos Galegos

Os comentarios están pechados.