Un raio verde no Sol

Créditos: Ángel D. R. Arós

O Sol é amarelo, a súa luz é branca, ese raio é verde.

Ollastes algunha vez o solpor no horizonte do mar? Si, de seguro. Seguistes o relucente astro ata o intre no que desaparece rozando na liña de auga coa parte superior do seu disco? É posible. Pero, notastes o fenómeno que se produce no intre mesmo no que lanza o seu derradeiro raio, se o ceo, límpido de brétemas, ofrece unha pureza inmaculada? Acaso non. Pois ben, a primeira vez que atopedes a circunstancia (pouco frecuente por desgraza) de facer esta observación, non sucederá, coma puidera crerse, que fira a vosa retina un raio vermello, senón un raio verde, pero dun verde marabilloso, dun verde que ningún pintor pode obter na súa paleta, dun verde cun matiz non reproducido xamais na natureza, nin nas variadas tinguiduras dos vexetais nin no ton dos mares máis transparentes. Se no paraíso existe a cor verde seguramente é esa, a verdadeira cor verde da esperanza!

Así introducía Jules Verne na súa novela “O raio verde” este fenómeno que espertaría na súa protagonista, Helen, unha procura polas Illas Hébridas ao norte de Escocia.

O noso fotógrafo estivo na súa procura moito tempo, desde a infancia, para rematar de atopalo preto da súa casa. Así o retratou por baixo da ponte de Rande desde a praia de Cesantes (Redondela, Pontevedra). Porque, hai lugar máis verniano no mundo ca este? Protagonista tamén na novela “20 000 leguas baixo dos mares” onde o capitán Nemo, ao mando do seu submarino Nautilus, mergullábase para coller os tesouros afundidos na batalla de Rande. Pero as conexións co mundo literario do autor francés non rematan aí, pois desde o lugar no que se tomou a foto só habería que mirar á dereita, cara a illa de San Simón. Alí está o propio escritor vixilando a escena.

OLLO: nunca mirar ao sol directamante, pode provocar danos irreversibles no ollo.

Esta imaxe protagoniza o mes de setembro do noso calendario. A que agardas para mercalo?

Poderías gostar de...

O lobo oubeando ao cabalo escuro

Na terra, un lobo oubea para indicar o seu mando na grea. No ceo, un cabalo escuro fica impertérrito. A nebulosa dese nome é unha

O xigante do tesouro

Ollade ben á torre do castelo. Dentro hai un pozo cheo de auga, o normal. Neste caso, o pozo ten un encantamento pois agocha unha

Dúas nebulosas

Á esquerda da imaxe podemos admirar a nebulosa NGC7000, alcumada Norteamérica porque a estrutura inferior remeda á península de Florida; cousas da pareidolia. Trátase dunha

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2026

5 comentarios en “Un raio verde no Sol”

  1. Pingback: Un raio azul no Sol – Ceos Galegos
  2. Pingback: Unha lúa non súper que emite raios verdes – Ceos Galegos
  3. Pingback: Un raio vermello e un raio verde no solpor – Ceos Galegos
  4. Pingback: Contos de #CeosGalegos20: o país do raio verde – Ceos Galegos
  5. Pingback: Un raio azul en estéreo – Ceos Galegos

Os comentarios están pechados.