Aí traballan tres persoas

Créditos do vídeo: Ángel D. R. Arós

Pasando por diante da Lúa pasa a fume de carozo o lugar de traballo actual de tres astronautas. Si, aí hai xente traballando. De feito, hai máis dunha década que a Estación Espacial Internacional está habitada permanentemente por tripulacións internacionais que se suceden sen interrupción. Xirando en menos dunha hora ao redor da Terra a unha altura media duns 400 quilómetros, a miúdo pasa por diante doutros astros como o Sol ou a Lúa.

Algúns astrofotógrafos aproveitan eses pasos ou tránsitos para retratar esta nave espacial. Aínda que como neste caso as efemérides indicaran que o lugar máis idóneo estaba entre Buño (Malpica de Bergantiños) e Carballo (A Coruña), a unha hora tan ingrata como as 5:57 da madrugada do sábado ao domingo e cunha previsión meteorolóxica bastante inestable. O noso astrofotógrafo empregou neste caso dous telescopios en paralelo para garantir o éxito da captura do vídeo. Iso si, 5 minutos despois, sen poder verificar in situ se tivera éxito na caza, tivo que recoller todo ás présas pois unha fronte de nubes pechou o ceo e comezou a chover a cachón. A recompensa foi boa desta volta; os dous equipos rexistraron o paso da Estación Espacial por diante da Lúa. O que vemos realmente é a sombra da estación, porque aquí non reflicte a luz solar senón que “eclipsa” a luz que recibimos nós da Lúa.

Para quen gustedes dos datos técnicos, este foi o instrumentral empregado: un telescopio Newton con focal de 1000 mm, ocular de 13 mm e sobre el a cámara Sony ILCE-7S; xunto cun refractor LongPerng ED66 de 400 mm, mulitplicador Canon 2X e cámara Canon EOS 6D a foco primario.

Seica o autor se auto-premiou cun chocolate con churros ao chegar a casa trala excursión antes de se deitar un pouco.

Poderías gostar de...

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Un billón de estrelas

En realidade, nesta imaxe hai moitas máis. Ese é o número de estrelas estimado para a galaxia de Andrómeda, que enche a foto. A veciña

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024

3 comentarios en “Aí traballan tres persoas”

  1. Os dous vídeos están delongados á metade da súa velocidade. En realidade, o paso da Estación Espacial polo disco lunar lévalle só pouco máis dun segundo. Outra proba da dificultade técnica do asunto.

Os comentarios están pechados.