Un cono no ceo galego

Créditos: Alfredo Madrigal

Ves estrelas? Unha chea delas. E unha nube? Por aí anda, de cor avermellada. Ver estrelas é o máis normal. Mires onde mires no ceo pola noite verás moitos soles. Se non hai nubes. E se non hai contaminación luminosa. Coa axuda duns prismáticos ou un telescopio pódense ver moitas máis.

Ver nubes cósmicas é máis complicado. Neste caso, o fotógrafo necesitou unha cámara boa acoplada a un telescopio e case unha hora de exposición total. É dicir, esta imaxe supuxo a combinación dixital de 9 imaxes individuais, cada unha delas de 6 minutos de exposición, ata sumar un total de case unha hora de tempo de recepción de luz. Por iso o número de estrelas da imaxe é moitísimo maior. E por iso tamén aprezamos esa nube avermellada e, na súa parte inferior dereita, a nebulosa do Cono. Ben é certo que estar nuns ceos escuros como os da Lagoa das Tablillas na Veiga (Ourense), axuda.

En astronomía chamamos “nebulosa” a todo o que ten un aspecto difuso e que se esparexe, a diferencia das estrelas que son puntos luminosos. A palabra emprégase sobre todo por motivos históricos. Cun telescopio pequeno somos quen de observar moitas nebulosas. Pero en realidade estamos a ver nubes de gas, galaxias, cúmulos de estrelas, restos de explosións de supernova… Obxectos que só pola falta de definición do noso ollo teñen ese aspecto nebuloso.

A nosa nebulosa do Cono é unha nube de gas hidróxeno. Forma parte dunha rexión do ceo que está a uns 2 700 anos luz de distancia. Está na constelación do Unicornio, pretiño de Orión. Foi descuberta a finais do século XVIII por William Herschel, músico e astrónomo, ao igual que a súa irmá, Caroline, a primeira astrónoma profesional.

Poderías gostar de...

A eclipse galega de sol (i)

Unha eclipse total de sol é o maior espectáculo que a natureza nos pode ofrecer. Gozar del ao carón do fogar é unha simple casualidade

A Eclipse Galega (i): que imos sentir

Unha eclipse total de sol é, sobre todo, unha experiencia para sentir, para vivir, en solitario ou coa familia ou co grupo de amizades. Independentemente

Desde a caverna

Cando miramos desde o fondo da espenuca, para ollar a realidade, o abraio pode ser maiúsculo. Na nosa imaxe esa sería a realidade fóra das

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2026

1 comentario en “Un cono no ceo galego”

  1. Pingback: Unha pelica de raposa e un cono – Ceos Galegos

Os comentarios están pechados.