Arriba e alá imos!

Créditos da imaxe: Axencia NOSA

Aí o vai. Iso é un experimento espacial. Unha sonda que despega cara o espazo pendurada dun globo de helio. Realmente chegará á estratosfera. Unha capa da nosa atmosfera de bordos difusos que dependen da latitude, pero que podemos estimar que ocupa entre os 10 e os 50 quilómetros de altura. É o reino das temperaturas baixo cero e a falta de humidade ambiental. A densidade é tan pequena que ese globo vai aumentar o seu tamaño ata ocupar tanto coma un camión. A cantidade do gas interior é o mesmo, pero ao diminuír a densidade exterior o globo inchará. No momento no que chegue ao seu límite de elasticidade estoupará e a sonda iniciará unha caída libre.

Non terá chegado ao espazo, un lugar que se considera está na denominada liña de Kármán aos 100 km de altitude. É o reino das auroras. Aí os avións non dan chegado porque carecen da sustentación necesaria pola pouca densidade do aire. A Estación Espacial Internacional orbita un pouco máis alto.

Así pasou o luns 7, cando un grupo de escolares de secundaria de catro institutos públicos galegos (IES Maruxa Mallo de Ordes, IES Miraflores de Oleiros e  IES Marco do Camballón (Vila de Cruces)) deron continuidade ao seu proxecto de Axencia Escolar Espacial Galega A NOSA. Despois de comprobar que as condicións meteorolóxicas eran as axeitadas, o despegue foi un éxito. Varias horas de voo ata que perderon as comunicacións e a sonda caeu nalgures do concello da Serra de Outes (A Coruña). Tras varios días na súa procura apareceu por fin este sábado 12. Agora hai que examinar os resultados obtidos, aprender dos erros e mellorar para futuras misións espaciais.

Ogallá haxa moitos máis despegues e poidamos obter fermosas imaxes dos ceos galegos despois dunha especial conta atrás: arriba e alá vou! O no “poyejali” particular.

Poderías gostar de...

A eclipse galega de sol (i)

Unha eclipse total de sol é o maior espectáculo que a natureza nos pode ofrecer. Gozar del ao carón do fogar é unha simple casualidade

A Eclipse Galega (i): que imos sentir

Unha eclipse total de sol é, sobre todo, unha experiencia para sentir, para vivir, en solitario ou coa familia ou co grupo de amizades. Independentemente

Desde a caverna

Cando miramos desde o fondo da espenuca, para ollar a realidade, o abraio pode ser maiúsculo. Na nosa imaxe esa sería a realidade fóra das

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2026

1 comentario en “Arriba e alá imos!”

  1. Pingback: Un ceo estratosférico – Ceos Galegos

Os comentarios están pechados.