Unha estrela nova sobre a Costa da Morte

Créditos da imaxe: Fins Eirexas

Hai estrelas que levan unha vida aburrida, soliñas no espazo, consumindo hidróxeno e producindo luz e calor mentres teñen combustible. Pero outras están en contornos un pouco máis complexos, con estrelas compañeiras que lles chuchan a súa enerxía.

Así estaba ata hai unhas semanas un sistema binario de estrelas que se coñecía como Nova Anana V392 Persei, por estar na constelación de Perseo. Este tipo de estrelas son un dos tipos coñecidos de variables cataclísmicas, que veñen a ser estrelas que mudan de brillo moi rapidamente e por motivos variados. Non son moi comúns, pero aínda foi máis raro que unha delas pareceu estourar de súpeto, aumentando o seu brillo unha 28 veces (pasou de magnitude 17,4 a 6,2) convertíndose nunha estrela nova. As novas son fenómenos pouco habituais, parecidos ás supernovas en que supoñen un cambio brusco de brillo dunha estrela pero distinguíndose en que a estrela non morre no proceso. Porén, pode sufrir periódicos estouridos coma esta. Na nosa galaxia detectáronse só 7 novas nesta década, das cales levamos dúas este ano. Máis a transición dunha nova anana a nova pura é o segundo caso coñecido na historia.

Un astrónomo amador xaponés deu a alerta o 29 de abil. Ao través de diversas organizacións esa comunicación chegou a astrónomos afeccionados e profesionais de todo o mundo, para tentar obter o máximo de información de procesos que duran só uns días ou semanas. Neste caso tamén se detectou a emisión de radiación gamma grazas ás observacións dun telescopio espacial.

Non chegou a ser tan brillante para se albiscar a simple vista, pero si que apareceu retratada nesta imaxe de longa exposición feita en Fisterra (A Coruña), na compaña de varias nebulosas que se detectan pola súa cor vermella, e a brillante estrela Capella que domina o cadro desde a súa constelación do Auriga. O fotógrafo requiriu combinar 5 tomas de 60 segundos de exposición cada unha, con ISO 2500. Estimou unha magnitude para a nova de 8,7 o pasado 7 de maio, que aparece indicada e ampliada no recadro.

Poderías gostar de...

Tres ducias de perseidas e moito máis

Unhas cantas horas de observación e 600 fotografías despois resultan nesta imaxe: máis de tres ducias de perseidas no mesmo cadro. Se prolongamos os ronseis

Auroras boreales galegas

Décadas agardando contemplar desde o país este fenómeno extraordinario remataron nas noites do 10 e o 11 de maio. Unha gran actividade solar xerou unha

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024