A fume de carozo

Créditos da imaxe: Aleixandrus

Non é complicado ver puntos no ceo que se moven, incluso sen ser noite pecha. Non sabendo o que estamos a ver podemos pensar que é un ovni; ese é o seu significado, obxecto voador non identificado. Pero case sempre é moi sinxelo de identificar. Neste caso é a Estación Espacial Internacional ou EEI (ISS en inglés). Ata se pode prever a súa aparición por riba das nosas cabezas e quedar ben coa familia.

Máis complexo é capturala nunha fotografía. O autor de hoxe requiriu de cámara dixital, un teleobxectivo, un trípode, un disparador… e algo de sorte. Nas previsións apuntábase a unha zona dunha anchura de 6 quilómetros para que coindiran os dous obxectos un por riba do outro. Desta volta en Santiago de Compostela, polo que non houbo que viaxar moito. Conseguíronse 22 tomas que valeron para obter unha lúa máis nítida pero só en 5 aparecía a Estación Espacial.

Outra dificultade foi o pouco contraste. Unha EEI alumeada de cheo pola luz solar pasando por diante dun cuarto crecente alumeado tamén polo sol aumenta a dificultade. Non é como cando a EEI pasa por diante do Sol e se pode fotografar a contraluz. O que vemos realmente son os seus paneis solares maila estrutura que reflicte a luz, non as súas luces de posición que a esas alturas non precisa. No recadro enxérgase a súa estrutura algo desenfocada.

A caza tivo lugar o luns pasado pouco antes da media noite. A distancia da estación era superior aos 600 quilómetros. A súa altura soe rondar os 400 km pero neste caso hai que engadirlle que pasaba bastante afastada do cénit. O tempo que lle levou atravesar o disco lunar foi de 98 centésimas de segundo. Iso é ir a fume de carozo, a uns 28 000 km/h. A velocidade que necesita para non caer á terra mentreas a orbita unhas 16 veces ao día.

Por certo, aí arriba nestes intres están a vivir (e traballar) tres astronautas. E dentro de 11 días unha nave rusa Soyuz levará a outros tres que se sumarán á poboación do único lugar extraterrestre permanente habitado pola humanidade.

Poderías gostar de...

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Un billón de estrelas

En realidade, nesta imaxe hai moitas máis. Ese é o número de estrelas estimado para a galaxia de Andrómeda, que enche a foto. A veciña

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024

1 comentario en “A fume de carozo”

Os comentarios están pechados.