Camiño de terra, camiño de estrelas

Créditos da imaxe: Alfredo Madrigal

Aquí abaixo un camiño de terra. Aló arriba un camiño de estrelas. Por aquí preto pasaban noutrora pelegrinos polo camiño norte de Santiago de Compostela. Algúns miraban ao ceo para atopar o camiño da terra. E, a certas horas da noite, acertarían.

Tempo de primavera aínda e a Vía Láctea percorre o horizonte de leste a sur. Moi baixa a primeiras horas da noite primaveral de hai un ano, a luz dos millóns de estrelas que forman esa nube alongada ás veces pérdese entre a luz artificial que desde aquí mandamos ao espazo. No horizonte érguese a contaminación luminosa de Vilalba, As Pontes de García Rodríguez e outras aldeas. As estrelas vermellas que se ollan no centro son as luces dos aeroxeradores que inzan a Serra do Xistral.

Na dereita, xusto no límite coas montañas, esa parte da Vía Láctea coincide coa constelación de Saxitario. Un tempo de exposición para a imaxe de 25 segundos e unha sensibilidade de ISO 6400 foron abondos para encher a toma de estrelas por riba do concello de Muras (Lugo). Tantas que resulta complicado recoñecer constelacións. Pero por aí andan o Escorpión, o Boieiro, a Coroa Boreal e moitas máis. Aproveita estas noites cálidas para mirar ao ceo. Un espectáculo de balde todo o ano.

Poderías gostar de...

A eclipse galega de sol (i)

Unha eclipse total de sol é o maior espectáculo que a natureza nos pode ofrecer. Gozar del ao carón do fogar é unha simple casualidade

A Eclipse Galega (i): que imos sentir

Unha eclipse total de sol é, sobre todo, unha experiencia para sentir, para vivir, en solitario ou coa familia ou co grupo de amizades. Independentemente

Desde a caverna

Cando miramos desde o fondo da espenuca, para ollar a realidade, o abraio pode ser maiúsculo. Na nosa imaxe esa sería a realidade fóra das

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2026

1 comentario en “Camiño de terra, camiño de estrelas”

  1. Pingback: Unha árbore e moitas estrelas – Ceos Galegos

Os comentarios están pechados.