Perseidas galegas

Créditos da imaxe: Marcos Gestal

En 1992 o cometa Swift-Tuttle achegouse ao Sol desde o exterior do Sistema Solar, deixando un ronsel de partículas de xeo suxo ao seu paso. Por estas datas, a Terra atravesa esa zona cos restos do cometa que xa andan esparexidos polo espazo, de xeito que se produce o fenómeno coñecido como chuvia de meteoros das perseidas. Son unha “chuvia de estrelas”, como se denomina popularmente, que dura varias semanas. Pero ao redor dos días 11 e 12 ten un pico de actividade polo que resulta relativamente doado chegar a ver algunhas deceas de meteoros na noite.

A uns 80-100 quilómetros de altura as partículas extraterrestres parecen arder deixando un ronsel de luz. En realidade o que ollamos é a ionización da atmosfera polo paso dos meteoros que se acaban desfacendo. Ás veces, algún deles é extraordinariamente brillante e denomínase bólido. Como a maioría dos meteoros desta noite parecen provir do mesmo lugar do ceo, onde se atopa a constelación de Perseo, reciben ese nome de perseidas.

Na imaxe composta polo noso fotógrafo aparece a Vía Láctea e superpostas varias imaxes individuais de meteoros tomados na mesma noite. Precisou de 200 fotos das que escolleu unha para a paisaxe e unha para cada meteoro, 8 fotos en total, para facer a composición final. Cada imaxe cun tempo de exposición de 20 segundos e ISO 3200.

Todos os ronseis parecen provir do mesmo lugar fóra do cadro; precisamente a constelación de Perseo. Cantos meteoros consegues contar? Neste caso foi na noite do 10 de agosto desde o mirador do Cordal de Montouto, a escarranchapernas dos concellos de Aranga (A Coruña) e Guitiriz (Lugo). Esta imaxe, como outras que estamos a recibir, entrarán a formar parte do concurso de Perseidas Galegas que estamos a organizar. E ti, por que non participas?

Poderías gostar de...

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Un billón de estrelas

En realidade, nesta imaxe hai moitas máis. Ese é o número de estrelas estimado para a galaxia de Andrómeda, que enche a foto. A veciña

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024

3 comentarios en “Perseidas galegas”

  1. Pingback: Ceos Galegos

Os comentarios están pechados.