Chovendo perseidas

Créditos da imaxe: José Gadea

Na noite do sábado 11 de agosto ocorreu o punto máximo de entrada de refugallos do tamaño da area na atmosfera terrestre, procedentes do paso do cometa Swift-Tuttle que hai máis de 20 anos atravesou a órbita do noso planeta. Estes grans provocan que se vexan ronseis como os da imaxe, chamados tradicionalmente “estrelas fugaces”.

Nesta panorámica de 8 fotografías podemos contemplar gran parte do ceo nocturno sobre o monte Seixo (Cerdedo-Cotobade, Pontevedra), abranguendo desde o norte (bordo esquerdo) ao sur (bordo dereito). Na esquerda o arco da Vía Láctea atravesa as constelacións de Perseo e Casiopea. De Perseo parecen provir precisamente os dous ronseis meteóricos que se destacan á outra beira da imaxe, cousas da perspectiva e do feito de proxectar unha parte da esfera celeste sobre un plano.

Pola dereita, a Vía Láctea pérdese no horizonte polas constelacións de Saxitario e o Escorpión. Sobre o primeiro está o planeta Saturno. Máis á esquerda, entre o autorretrato do fotógrafo e a propia Vía Láctea está Marte, o punto máis brillante do ceo. Xusto por riba do muíño de vento central hai 6 estrelas brillantes e xuntas que semellan unha cometa; resulta ser a constelación da Lira, estricada por efecto da proxección fotográfica. Á esquerda do muíño destacan 4 estrelas dispostas en forma de rombo que forman a parte principal do cabalo alado Pegaso. Entre este e a Vía Láctea hai unha rea de 2-3 estrelas que forma a constelación de Andrómeda e, xusto por riba da mesma, unha manchiña brillante e ovoide : a galaxia de Andrómeda.

Nesta imaxe destaca a contaminación luminosa do centro penitenciario da Lama á esquerda. Ese mal vicio de antigo de que máis luz implica máis seguridade, aínda que os estudos indiquen o contrario.

Esta imaxe forma parte do concurso #PerseidasGalegas que estamos a desenvolver e que pecharemos ás 00:00 da noite que vai entre este domingo 26 e o luns 27 de agosto de 2018. Xa mandaches a túa?

Poderías gostar de...

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Un billón de estrelas

En realidade, nesta imaxe hai moitas máis. Ese é o número de estrelas estimado para a galaxia de Andrómeda, que enche a foto. A veciña

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024

4 comentarios en “Chovendo perseidas”

    • Grazas a quen o facedes posible. Os fotógrafos, profesionais ou amadores, pero todos amantes do noso ceo (xa colaborades máis de dúas ducias, e aumentando) e os lectores (hoxe máis de 1000). Mágoa que nos últimos 2 meses non acertamos a publicar coa cadencia que queriamos; cousas do traballo persoal. E temos unhas cantas marabillas en cola de edición de textos 😉

      Os #CeosGalegos molan!

Os comentarios están pechados.