Como gañar un concurso de fotografía

Rematado este primeiro concurso coa temática #Perseidas18 temos os comentarios do xurado formado por Jorge Mira e Salvador Bará sobre as imaxes gañadoras. Pensamos que explican á perfección o porqué da escolla desas imaxes. E como complemento, tamén dialogamos cos seus autores para que nos deas as suas impresións e, o máis interesante, como chegaron a facer esas fotografías gañadoras.

 

Primeiro premio

Lúa, Venus e perseida desde Sálvora de Ángel Arós

Título: “luna, venus, perseida”. Autor: Ángel D. R. Arós .
A xuizo do xurado: combina o azar, a sorte de estar no sitio axeitado no momento axeitado maila complexidade técnica de plasmar xuntos obxectos con tanta diferenza nas súas luminosidades. Certamente, tanto para unha cousa (a sorte é algo que tamén se busca) como para outra cómpre mestría e capacidade.


Segundo premio

Monte Seixo de José Gadea

Título: “Monte Seixo”. Autor:  José Gadea.
A xuízo do xurado: unha panorámica non só da Vía Láctea e un par de perseidas, senón de moitas cuestións periféricas da noite galega: a contaminación luminosa de base (moi ben tratada na foto) e mesmo os aeroxeradores.

 

Terceiro premio

Nanoperseidas de Fins Eirexas

Título: nanoperseidas. Autor: Fins Eirexas.
A xuízo do xurado: foto encantadora, por conseguir evocar esa imaxe de gran praia chea de grans de area que é o firmamento. A súa contemplación provoca un estado parecido ao dese relax que se ten ao mirar para o ceo nunha noite clara de verán.

 

Premio do público

Creando afección de Marcos Gestal
Creando afección de Marcos Gestal

Titulo: creando afección. Autor: Marcos Gestal.

 

Falando cos premiados

Con Ángel Arós

  • Ola Ángel. Recibiches o primeiro premio do concurso.
  • Ola, que gran noticia! Faime moitísima ilusión!
  • Algún agrademento en especial?
  • Para o Parque Nacional de Illas Atlánticas de Galicia por permitirme pasar esa noite nun lugar tan fermoso onde habitualmente non se pode estar a esas horas. Tamén a Denébola Álvarez por acompañarme nese preciso momento e, obviamente, para o xurado por considerar tan ben a miña foto.
  • Como foi o proceso de toma da foto?
  • Pois é un exemplo perfecto de “Lucky Shot”. Ti vas por unha cousa e, se tes sorte, podes volver con máis do que pensabas. Eu estaba apostado no lugar facendo un “timelapse” de Vía Láctea sobre as rochas que quedaban ao norleste, cando me decato de que hai unha posta de lúa preciosa no oeste. A lúa estaba en conxunción con Venus, polo que o reflexo da luz deste no mar confúndese co da lúa. Pero aínda así era unha fermosa estampa. Así que montei rapidamente o outro equipo que levaba na mochila (unha Sony A7S cun 50mm) e tirei unhas cantas fotos con distintas configuracións. O premio inesperado: que tiven moita sorte de que nunha delas quedara rexistrada esta preciosa Perseida.
  • Que opinas do noso proxecto mailo concurso?
  • Pois nada máis que recoñecemento e admiración para os demais concursantes polas súas fotos tan marabillosas. E a www.ceosgalegos.com por organizar este concurso e, en xeral, pola súa acción en prol da posta en valor dun dos nosos recursos naturais máis abraiantes e ao mesmo tempo máis inadvertidos polo público en xeral: os ceos galegos.
  • Graciñas a ti Ángel por esas palabras e pola túa colaboración. 

 

Con Fins Eirexas

  • Oes Fins, terceiro premio nas #Perseidas18.
  • Que bon!
  • Buscabas esa imaxe das perseidas?
  • Pois non, o obxectivo primeiro non eran as perseidas, senón o cometa 21/P. Quería comprobar como quedaba sobre o fondo da Vía Láctea en Perseo e Casiopea, cos seus cúmulos e nebulosas. E se de paso cachaba un meteoro, pois millor. Hai anos fixen observacións sistemáticas de meteoros colaborando coa IMO e SOMYCE, e souben da especialidade de observación fotográfica e telescópica. Supuxen pois que aínda que a simples vista non vira ningún no campo da foto durante a sesión, dadas as datas e as correntes activas daquela, a cámara captaría algunha areíña caendo. E velaí! En días posteriores, máis preto do máximo das Perseidas volvino a tentar, sen sorte:
    https://flic.kr/p/28Y3x4C.
  • Cal foi a técnica e material que empregaches desta volta?
  • Traballo cun corpo dunha Nikon D600 modificada “full-spectrum” isto é, sen o filtro “hot mirror” para recoller a parte IR e UV do espectro e así facer o chip sensible ao H-Alpha das nebulosas de emisión. Traballo con obxectivos fotográficos antigos, verdadeiras xoias de cristal e metal da era pre-dixital. Para esta toma usei un Nikkor 85mm f/1,4 diafragmado a 2,8. Leva un filtro UV/IR para eliminar o exceso de IR e todo o UV deixando o H-Alpha, xunto cun filtro LPS que suprime a lonxitude de onda das lámpadas de vapor de sodio. Por suposto con seguemento ecuatorial (iOptron Skytracker v1). O procesado é sinxelo: apilado de varias sub-tomas (sen calibrado) en modo “máxima”, para acumular canto meteoro e satélite pase, reducindo o ruído e aumentando o rango dinámico, todo co Photoshop. Logo curvas, níveis, gradientes e listo.

 

Con Marcos Gestal

  • Foi sinxela esta caza fotográfica das perseidas?
  • Non, non foi cousa sinxela. Na primeira tentativa hai dous anos a lúa impediu observar todos os meteoros que nos gustaría. Tamén era a primeira vez que levaba á miña filla e houbo que voltar relativamente cedo. Porén, esta primeira experiencia trouxo unha cousa moi positiva: á miña fílla gustoulle e hoxe é ela a que espera con impaciencia a data de saír a observar as perseidas. O seguinte ano máis do mesmo: moitos meteoros pero moi poucos, por non dicir ningún, cara o lugar que apuntaba a cámara.
  • Pero desta volta houbo máis sorte.
  • Pois si, este ano non quedaba outra que voltar a intentalo.Ao primeiro foi ir ao Cordal de Montouto. Despois de estar observando por onde parecía que se producían máis meteoros tentamos sorte e, por fin!!!! A composición era moi mellorable pero polo menos 7 meteoros caeron na cesta (https://ceosgalegos.com/2018/08/13/perseidas-galegas/) e iso que a  imaxe foi tomada nos días previos ó día de maior cantidade prevista de perseidas.
  • Pero a imaxe premiada polo público foi outra.
  • Pois como o primeiro era conseguir imaxes de perseidas e xa estaba conseguido, o seguiente foi tentar unha foto que levaba tempo imaxinando: a miña filla observando o ceo na busca das estrelas fugaces que tanto lle gustaron.
  • E como foi o conto?
  • Nunha nova visita a un dos meus sitios predilectos, a Capela de San Vitorio en Aranga -pois alí foi onde empezou todo- puxémonos mans á obra. Unha vez caída a noite, enriba dunha das penas, fixen a fotografía do primeiro plano con Iria (ISO 3200, f2.8, 20 segundos de exposición e iluminación con linterna cálida). Despois, sen mover a cámara, en espera das Perseidas (a maior parte das fotos cos mesmos parámetros) que se engaden á imaxe final en Photoshop.

 

Graciñas a todos, participantes e xurado, pola vosa colaboración.

Poderías gostar de...

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024