Calendario 2019: queres enviar algunha foto?

Mercar Ceos Galegos

O proxecto Ceos Galegos xurdiu agora hai un ano en forma de calendario astronómico, nun formato panorámico con fotos fermosas dos ceos galegos. Contamos coa colaboración dalgúns dos mellores fotógrafos galegos do ceo nocturno e astrofotógrafos. Despois diso veu este proxecto na web, un espazo para compartir imaxes fermosas do ceo ás que lles poñemos unhas liñas, comentando historias da imaxe, o que se ve, a ciencia que hai por detrás.

Despois de 10 meses funcionando e máis de 100 fotografías publicadas e case 30 colaboradores chega o momento de repetir a experiencia. Así que ti tamén podes tentar que a túa imaxe sexa publicada na vindeira edición de “Ceos Galegos – calendario 2019”.

Como o ano pasado buscamos fotos chulas:

  • se non mercaches o calendario o ano pasado podes revisar as publicacións do primeiro mes desta web (publicamos todas as imaxes no seu formato orixinal) ou revisar un dos “momentos” da conta de Twitter de @CeosGalegos, que as agrupa todas, para facerte unha idea do que buscamos
  • as fotos deben ser feitas en Galicia ou desde Galicia
  • buscamos fotos de “postal”:
    • paisaxes: en lugares singulares, co ceo estrelado, vía láctea… Por se cos sirve de referencia, o proxecto TWAN vai nese estilo. Se aparecen monumentos ou lugares típicos galegos significativos mellor
    • ceo profundo: campos amplos, galaxias ou nebulosas que resulten plásticas na imaxe, antes que a súa relevancia científica
    • composicións, mosaicos… son benvidos
  • as fotos poden ter sido publicadas. Aí queda ao voso criterio saber se están xa moi vistas ou non. Non precisamos primicias
  • a data de realización ten que ser dende o 1 de novembro do ano 2017 ata o día do envío
  • o calendario conterá información astronómica e didáctica, ademais dunha descrición polo miúdo de cada foto (que faremos nós), na mesma liña da pasada edición
  • as imaxes deberán ter unha resolución de 300 dpi para un tamaño DIN A3, pero mellor de 35×50. Ou polo menos é o desexable. O formato será apaisado. Se preferides mandar antes unha mostra a baixa resolución e/ou con marca de auga non hai problema.
  • antes de 5 días!!

Se estás interesado envíanos un correo electrónico e contarémoste o resto das condicións (criterios de escolma, como se van editar, dereitos de autor, formularios…).

Poderías gostar de...

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024