Porque unha rosa é unha rosa

Créditos da imaxe: Alfredo Madrigal

Aínda que non son poucos quen ven aquí unha rosa, de aí o nome de nebulosa Roseta, se fose algún astrofotógrafo galego o que a baptizara seguro que a denominaría nebulosa da Camelia. O seu nome técnico, e moito menos poético, é NGC 2237. Historicamente foi descuberta por partes, ata saber en tempos modernos que todo é unha enorme nube de gas hidróxeno no que se van formando estrelas novas nalgunhas partes. Así, algunhas xa tomaron conta do hidróxeno do centro como combustible para seren estrelas hai catro millóns de anos. Chegaron incluso a baleirar o interior da camelia cósmica pola radiación emitida. Este grupo de estrelas pode albiscarse cuns pequenos prismáticos na constelación do Unicornio (pegado á constelación de Orión) e reciben o nome de NGC 2244. A radiación que emiten ten tamén provoca a visibilidade do hidróxeno que as rodea, ao ser ionizado por eses ventos estelares. Estas zonas cósmicas reciben a denominación de rexións H II.

Realizar unha foto como esta necesita o concurso de ceos limpos de contaminación luminosa como os do mirador estelar da Tablilla das Lagoas (A Veiga, Ourense). Unha cámara réflex acoplada a un telescopio con montura guiada por ordenador, dez instantáneas de case sete minutos cada unha e outras dúas adicionais de calibrado.

O autor da imaxe  vén de recibir varios premios no XXIII Congreso Estatal de Astronomía 2018, ao mellor vídeo secuencia e ao mellor gran campo. Un dos seus grandes campos foi portada do noso Ceos Galegos 2018. Esta fermosa imaxe xa apareceu por aquí hai uns meses e estivo a piques de entrar na publicación de #CeosGalegos19 #GalicienSkies19 pola súa calidade. Pero incluímos outra imaxe do mesmo autor. Imaxinas como será?

Poderías gostar de...

A eclipse galega de sol (i)

Unha eclipse total de sol é o maior espectáculo que a natureza nos pode ofrecer. Gozar del ao carón do fogar é unha simple casualidade

A Eclipse Galega (i): que imos sentir

Unha eclipse total de sol é, sobre todo, unha experiencia para sentir, para vivir, en solitario ou coa familia ou co grupo de amizades. Independentemente

Desde a caverna

Cando miramos desde o fondo da espenuca, para ollar a realidade, o abraio pode ser maiúsculo. Na nosa imaxe esa sería a realidade fóra das

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2026