Créditos da imaxe: Fins Eirexas
No ceo esta o guerreiro, Orión, na súa loita imaxinaria co Touro que vai á súa dereita (a estrela amarela do extremo superior é Aldebarán, o seu ollo) e acompañado polos cans pequeno e grande por detrás (o punto inferior máis brillante é a estrela Sirio, en Can Maior). No medio da escena aparecen aliñadas as tres estrelas do cinto de Orión. Por debaixo delas unha manchiña de cor abrancuzado é a famosa nebulosa de Orión. Pero o que domina a escena son as enormes nubes de gas avermellado. A esférica con forma de burbulla na parte superior, denomínase Lambda Orionis, deixando á súa esquerda á estrela alaranxada chamada Betelgeuse. A que forma un arco á esquerda do guerreiro e parecendo saír dunha estrela azulada, Rigel, chámase Bucle de Barnard, na honra do seu descubridor e un dos primeiros astrofotógrafos. Son todas elas enormes estensións de gas pero de natureza diferente. As primeiras son zonas nas que se están a formar estrelas. A última probalemente sexan os restos dun estourido estelar con forma de supernova que botou ao espazo os elementos químicos do seu interior.
A escena é atravesada polo ronsel dun meteoro das xemínidas, no mes de decembro do ano pasado, moi preto do seu máximo. Estes meteoros parecen saír da constelación dos Xemelgos.
Orión parece estar de acabalo da Pedra do Brazal ou Cabalgada (Dumbría, A Coruña), nesta fermosa imaxe que xa publicamos no mes de marzo. A pesares de precisar un total de 13 fotos de 90 segundos cada unha mailo correspondente procesado posterior, non atopou oco no noso calendario #CeosGalegos19 que presentamos o domingo na Coruña; en pre-venta xa na nosa conta de Twitter. Imaxina como serán as dúas imaxes que escollimos do mesmo autor.
1 comentario en “De a cabalo dunha pedra”
Os comentarios están pechados.