A pantasma dos Ancares

Créditos da imaxe: Luis Vilanova

Pode parecer arrepiante pero non é unha imaxe doutro mundo. En realidade é un fenómeno óptico que ten nome de seu: o espectro de Brocken. O do espectro está claro, iso é o que parece. O de Brocken débese á montaña alemá onde se observaba a cotío e deu lugar a súa primeira descrición no século XVIII.

A súa explicación física é bastante complexa porque comprende varios fenómenos. Precisamos estar nun cumio co Sol ás nosas costas, ao amencer. Se por baixo hai brétemas conseguiremos que a nosa sombra se proxecte sobre elas como se fose unha pantalla de cinema. Porque a figura pantasmal somos nós mesmos. Ata poida que vexamos como se move ondulantemente aumentando a sensación de arrepío; trátase só da propia “pantalla” que se move polo aire. A forma triangular é un efecto da perspectiva. Que pareza un xigante débese á falta de referencias na paisaxe que están ocultas pola propia brétema.

Pode aparecer como neste caso unha aureola na parte superior de cores irisadas, é a gloria. A presenza de pingas pequenas de auga refractan a luz solar dun xeito moito máis complexo ca nun arco da vella, coa luz refractada unha vez dentro das pingas, pero con contribucións de moitas máis refraccións. Se viaxas en avión é posible que o viras algunha vez. Seguro que o parecido coa representación tradicional da aureola de santos e virxes non é casual.

Sendo como é un fenómeno raro hai moi poucas imaxes do espectro de Brocken no noso país. Só coñecemos outra publicada hai tres anos nas redes sociais do hotel Piornedo e tomada nos Ancares. De alí tamén é esta imaxe, cando o fotógrafo subía pola corda que leva ao Cuíña dende Porto Ancares. Así que ben podemos darlle desde agora a denominación galega de “pantasma dos Ancares”.

Poderías gostar de...

O lobo oubeando ao cabalo escuro

Na terra, un lobo oubea para indicar o seu mando na grea. No ceo, un cabalo escuro fica impertérrito. A nebulosa dese nome é unha

O xigante do tesouro

Ollade ben á torre do castelo. Dentro hai un pozo cheo de auga, o normal. Neste caso, o pozo ten un encantamento pois agocha unha

Dúas nebulosas

Á esquerda da imaxe podemos admirar a nebulosa NGC7000, alcumada Norteamérica porque a estrutura inferior remeda á península de Florida; cousas da pareidolia. Trátase dunha

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2026